O CICLO MENSTRUAL

En terceiro de bioloxía, Grmpf está namorado de Pti e Pti de Grmpf. Pero como Pti ten un punto entre tímido e orgulloso, non lle di nada a Grmpf e Grmpf acaba por crer que el non está realmente namorado dela. Por iso, con moito esforzo, procura quitalo da cabeza. Cústalle ferro e fariña porque está moi namorada, pero ao final consegue medio esquecelo. Sobre todo desde que coñece a Xevi e se interesa por el. A Xevi a cousa non lle vén mal, aferraríase a un cravo ardendo: acaba de romper con Mari e séntese absolutamente só. Coa aceleración propia de quen quere enterrar o pasado canto antes, Xevi e Grmpf casan enseguida. Cando Pti ten coñecemento da nova, vense abaixo de vez: de golpe decátase de que estaba namoradísimo de Grmpf. Espera na porta da súa casa e, cando ve que Xevi se vai, peta. Grmpf abre a porta e queda pampa ao ver a Pti cun xeonllo no chan e declarándoselle. Anúbranselle os sentimentos, está a piques de caer na dúbida, pero é forte, inspira profundamente e dille que é demasiado tarde. Pti cala, érguese e marcha, desesperado e para que ela non vexa que está a chorar. Mentres tanto, Xevi cruzouse con Mari camiño á oficina. Ah, que encontro. Só con mirarse aos ollos decátanse de que deixalo foi un erro. Abrázanse e prométense amor eterno. Pero Mari sofre por Xevi: non acaba de crer que se decatase tan rápido de que é a ela a quen ama e non a Grmpf. Xevi insiste en que si, en que é a ela a quen quere, e para demostrarllo volve a casa cando calcula que Grmpf non está; fai a maleta e deixa unha nota onde lle conta o que pasa e lle presenta escusas. Cando Grmpf chega a casa, ve a nota e desespérase. Que parva que foi de non aceptar a proposta de Pti. Abre unha botella de vodka. Bébea enteira. Iso fai que colla azos. Chama a Pti, dille que o pensou mellor e que o quere.

Á outra banda da liña, o silencio. Por fin, Pti aclara a gorxa e fala. Explícalle que a declaración chega tarde porque, cando ela lle dixo que non, de tan desfeito como quedou iniciou decontado o proceso de denigración e, como é rápido, nuns momentos xa destruíu toda a boa opinión que tiña dela e mudou de vez o amor que sentía ata esa tarde. Agora só sente odio, un odio intenso que lle permite despedila sen contemplacións e colgar. Co auricular na man, Grmpf chora, e enseguida lle vén febre: de súpeto ten trinta e nove graos e dúas décimas. Ao día seguinte non vai traballar. Esa mesma tarde, precedido por un ramo de flores, aparece Toni, un compañeiro de despacho que vén interesarse pola súa saúde, por se necesita algo. Grmpf decátase de que por detrás dese interese e desa morea de flores hai unha faísca de amor. Pero non é o momento. Agora ela só pode pensar en Xevi, ata que cicatrice a ferida.

A ferida cicatriza, Gempf recomponse de vez e Toni insiste: lévaa a pasear, a cear, van ao cine. El querería chegar a máis, pero ela déixalle claro desde o principio que serán bos amigos e punto. Toni confórmase. Confórmase porque é comprensivo. Entende que os sentimentos de Grmpf están aínda en carne viva e que non é cousa de andar xogando. Os sábados, ao volveren do cine ou do restaurante, déixaa na porta da casa e despídense cun bico na fazula.

Ata que un día Toni coñece a Anni. É o que se chama amor a primeira vista. Léanse inmediatamente, e Toni deixa de ver a Grmpf. Grmpf, molesta, decide que Toni xa non sae con ela porque o único que quería era levala á cama e, como non a daba levado, xa non quere saír con ela. Velaí a proba: como non é unha muller fácil, remata coa hipocrisía das ceas, das saídas ao cine e aquela frase que lle dicía sempre: “Non me importa. Comprendo que aínda esteas doída polo de Xevi; non me molesta en absoluto que non nos deitemos. En serio". Hipócrita. Para vingarse, Grmpf vai a un bar e leva á cama o primeiro que atopa, un escocés chamado Eric, que acaba de chegar de Aberdeen e pensa quedar por aquí unha semana para sacar da cabeza unha rapaza chamada Fiona.

 

Relato do libro “O porque de todas as cousas” (2021), de QUIM MONZÓ

We Are Never Ever Getting Back Together (Taylor Swift)

Demasiadas Mujeres (C. Tangana)

Angie (The Rolling Stones)