Skip to Content

Portal Educación Xunta

Distribuir contido
Actualizado: hace 5 días 2 horas

A Xunta loa o traballo da rapazada na entrega de galardóns da III edición do Premio Otero Pedrayo para estudantes

Mér, 10/04/2024 - 13:16

Summary: 

O secretario xeral de Política Lingüística participa neste acto que tamén conmemora o 48 aniversario do pasamento do autor ourensán

O IES Otero Pedrayo de Ourense faise cos galardóns individuais e colectivos na categoría de Bacharelato polos traballos de Lucía González e o grupo ‘As Oterianas’

Na categoría de Secundaria resultou gañador o grupo ‘Araucaria’, do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, mentres que a categoría individual quedou deserta

Idioma Gallego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na entrega dos galardóns do III Premio Otero Pedrayo para estudantes de ESO e Bacharelato, impulsados desde a fundación homónima co apoio da Xunta de Galicia co fin de fomentar entre a mocidade o coñecemento e o recoñecemento do autor ourensán.

 

No acto, que tamén foi unha homenaxe a Pedrayo no 48 aniversario do seu pasamento este 10 de abril, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades loou o traballo de todas as persoas participantes “pola calidade dos traballos presentados, que ademais foron preto de medio cento, o cal demostra o alto interese que segue espertando entre as novas xeracións a figura dun autor tan significativo para o galego e para Galicia”.

 

Canda Valentín García tamén participaron nesta entrega, que acolleu a Casa Grande de Cima de Vila, sede da Fundación Otero Pedrayo, o presidente da dita entidade, Eduardo López Pereira, e o alumnado e profesorado dos centros premiados.

 

Alumnado premiado

Na terceira edición deste certame, o IES Otero Pedrayo de Ourense fíxose cos dous galardóns na categoría de Bacharelato: o premio individual foi para Lucía González Vázquez, polo traballo Poesía e Xeografía de Bocarribeira; mentres que o colectivo recaeu no grupo ‘As Oterianas’, que analizou os cinco anos do autor como alumno preuniversitario no proxecto Otero Pedrayo alumno, traxectoria no centro que leva o seu nome.

 

Ademais, o xurado acordou recoñecer cun accesit o traballo titulado Violencia e delito en O mesón dos ermos: brutos, bandoleiros e negreiros, presentado por un grupo de estudantes do IES de Ponteceso.

 

Doutra banda, na categoría reservada para alumnado de Secundaria, recibiu o premio colectivo o grupo ‘Araucaria’, do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo. O seu traballo Galeguízate con Otero, un videoxogo realizado con scratch, foi eloxiado polo xurado pola excelente aplicación das novas tecnoloxías. Nesta categoría tamén recibiu un accesit o grupo ‘Ilustres dinámicos’, do IES Chan do Monte Marín.

 

Por último, o premio na categoría individual quedou deserto, aínda que se lle concedeu tamén un accesit a Avril Lagos González, alumna do IES Chan do Monte de Marín, pola súa biografía en verso de don Ramón.

 

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas Xunta

Un total de 46.500 alumnos de 4º de primaria e 2º de ESO realizan entre hoxe e mañá as probas diagnósticas fixadas polo Ministerio de Educación na LOMLOE

Mér, 10/04/2024 - 12:08

Summary: 

Na xornada de hoxe teñen lugar as probas de competencia lingüística en lingua e literatura galega e castelá e mañá serán as de lingua estranxeira e matemática

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse un colexio en Santiago para comprobar o normal desenvolvemento das mesmas

No proceso participan máis de 16.000 docentes, que son os encargados da súa aplicación, corrección e contraste externo

Idioma Gallego

Un total de 46.500 alumnos, a razón de 21.600 de 4º curso de Educación Primaria e de 24.900 de 2º curso de ESO, realizan entre hoxe e mañá as avaliacións de diagnóstico fixadas polo Ministerio de Educación a través da actual lei educativa estatal LOMLOE para toda España.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse esta mañá ao Colexio CEIP Monte dos Postes de Santiago para comprobar o normal desenvolvemento da realización das probas na que interveñen máis de 16.000 docentes encargados da organización da súa aplicación, corrección e contraste externo.

No día de hoxe os alumnos realizan as avaliacións de competencias lingüísticas en lingua e literatura galega e castelá, mentres que na xornada de mañá farán as de competencias en lingua estranxeira e competencia matemática. Así pois, deben cubrir un caderno por cada unha das competencias a avaliar, que inclúen contidos que versan sobre os obxectivos de área e de materia recollidos nos currículos destas asignaturas para cada un dos cursos. A duración de cada unha das probas é de máximo de 75 minutos e cun descanso de 30 minutos en entre probas.

Informe de resultados por centro

Estas probas teñen un carácter informativo, formativo e orientador para os centros, que recibirán un informe de resultados sobre o conxunto do seu alumnado por nivel e por competencia avaliada, sen resultados individuais.

A información obtida ten unha finalidade estritamente diagnóstica, xa que os datos obtidos proporcionan unha información complementaria tanto aos centros como á Administración para deseñar accións específicas de mellora do sistema educativo.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas Xunta

Publicación do resultado do sorteo dos/as vogais dos tribunais que xulgarán os procedementos selectivos do concurso-oposición para o acceso e ingreso a corpos docentes non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia (ED001A)

Mér, 10/04/2024 - 10:06
Idioma Gallego

De acordo co establecido na base 7.5 da Orde do 31 de xaneiro de 2024 pola que se convocan procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de educación e ao corpo de profesores de ensino secundario e de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de mestres e ao corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, e procedemento de adquisición de novas especialidades por parte do persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A), realizouse o sorteo dos/as vogais que formarán parte dos tribunais que xulgarán estes procedementos.

Xúntase o resultado do sorteo público dos/as vogais que tivo lugar o día 10 de abril de 2024, ás 9.00 horas na sala de xuntas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en Santiago de Compostela.

 

Anuncio principal: 

Publicación da Orde do 31 de xaneiro de 2024 pola que se convocan procedementos selectivos de corpos de persoal docente non universitario (ED001A)

Servizo relacionado: 

Oposicións

Tema: 

Programas e plans Oposicións

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas Xunta


by Dr. Radut