Facendo street art con Leandro
Os alumnos de 4º de ESO viron como se fai un grafitti empregando distintas técnicas co ilustrador Leandro Barea. Nunha sesión de clase, xunto co profesor José Luis Carrasco os nosos alumnos tiveron unha primeira experiencia co chamado street art, ou sexa arte da rúa. A imaxe fíxose coa técnica de spay con plantillas (stencil), combinada con rotuladores de gran formato e dedos.
Aquí tedes o resultado, un terrorista do amor.
100 anos dunha "Fonte"
O 9 de abril de 1917, o urinario asinado co pseudónimo R. Mutt chegou á exposición da Sociedade de Artistas Independentes, en Estados Unidos. Marcel Duchamp, tamén integrante do xurado, presentouna como unha burla ao que el consideraba a inutilidade da arte. A peza de porcelana, que cumpre un século, foi rexeitada polos críticos e artistas. Considerárona indecente e inmoral. E aínda que a orixinal se perdeu, a súa filosofía converteuna nunha das obras máis importantes do século XX, a peza, segundo os especialistas, continúa estando vixente. O que crean os artistas dadaístas como Duchamp xa non é unha “obra de arte”, senón un obxecto, un soporte no que rexen o azar, a improvisación e o absurdo. Así, Duchamp crea os readymade (obra-feita, obxecto atopado): obxectos de uso común, cotiá, que tras unha mínima intervención do “artista” e a súa descontextualización convértense en obras de arte.
Unha obra que rachou cun xeito de pensar e entender a obra de arte e que a consideramos como un fito na Historia da Arte xa ten unha réplica en Lugo. No IES Sanxillao atópase dende hoxe exposta unha “Fonte” de Marcel Duchamp, cedida para exposición por un coleccionista. O noso instituto, único centro público en Lugo onde se imparte a modalidade de Artes, celebra deste xeito os cen anos dun feito que revolucionou o mundo da Arte.
Segundo a crítica, o urinario de Marcel Duchamp, é a obra de arte máis importante do século XX. Pero o máis salientable é que a súa importancia como obxecto de colección é moito menor que o seu valor como idea. Hoxe, en 2017 a pregunta que nos podemos formular é se a comprensión da evolución da Arte no último século ten avanzado algo para o público en xeral.
Fonte non foi considerado un obxecto de arte ata despois da Segunda Guerra Mundial, cando Duchamp se converteu nunha figura de culto entre os artistas pop. Duchamp autorizou a conservadores de arte para que compraran urinarios no seu nome; en 1950 a Sidney Janis, outro exemplar en París en 1953, e en 1963 foi Ulf Linde quen seleccionou outro máis. Eses urinarios non eran iguais, senón semellantes ao orixinal por mor de que ese modelo xa non se atopaba no mercado. A primeira Fonte, de 1950 atópase no Museo de Arte de Filadelfia, a segunda de 1953 non está localizada e a terceira, de 1963 está no Moderna Museet de Estocolmo.
Ao ano seguinte, en 1964, en colaboración con Arturo Schwarz, comerciante de arte de Milán, historiador e coleccionista, Duchamp decidiu facer réplicas (non está claro cantas se fixeron, fálase de oito exemplares e catro probas). Para conseguilas pediron a un fabricante de pezas de baño en cerámica que fixera as copias, e non existindo daquela xa o orixinal colleron como referencia as fotos que tiñan de 1917.
Unhas semanas máis tarde da exposición de abril de 1917, nunha revista de arte chamada Blind Man incluíu unha fotografía do urinario feita por Alfred Stieglitz. Foi publicada xuntoco manifesto fundador da arte conceptual, que acompañaba coas seguintes palabras: Se o Sr. Mutt coas súas propias mans fixo a fonte non ten ningunha importancia. EL ESCOLLEUNA. Colleu un artigo da vida, colocouno de xeito que o seu significado útil desapareceu baixo o novo título e punto de vista, creou un novo pensamento para ese obxecto.
As fotografías que fixeraStieglitz para a revista serviron para facer o molde de metal para a fabricación das réplicas en 1964. Ese é único rexistro que existe do obxecto orixinal.
Nove das “12 fontes oficiais” de Schwarz atópanse en distintos museos e coleccións privadas do mundo. En mans privadas, hai unha en Bel Air (California), outra está en Manhattan na colección de Yosef Mugrabi, outra é propiedade de Dimitris Daskalopoulos en Atenas. Dakis Joannou, un magnate grecochipriota da construción adquiriu unha por 65.750 dólares en 1987, orixinalmente era da colección do artista pop Andy Warhol. Os museos que posúen Fontes son o MoMA de San Francisco, a Tate Modern de Londres e o Centro Pompidou de París. Tamén teñen copias en Italia a Fondazione Mudima en Milán e Luisella Zignone, coleccionista de Duchamp con sé en Biella.
Para engadirlle aínda máis interese a esta historia, hai expertos en arte que dubidan da propia autoría da Fonte por parte de Marcel Duchamp, e sinalan á Baronesa Elsa von Freytag-Loringhoven como a creadora desta obra. Ela estaba en Filadelfia nese momento, e os informes dos periódicos contemporáneos afirmaron que "Richard Mutt" era de Filadelfia.
O obxecto artístico único como peza de museo, icono dunha época de revolucións no mundo artístico, é orixinalmente un exemplar dun obxecto industrial. Duchamp asinou un hai cen anos, logo décadas despois, repetiu a mesma acción, e agora é un obxecto de desexo por parte de coleccionista e museos.
O mellor é que toda esta historia é á vez dadaísta, conceptual e surrealista.
A nosa "Fonte" en Zigzag diario da Tvg