Foron moitas as actuacións levadas a cabo no instituto relacionadas co noso proxecto de Biblioteca Escolar "Resoan as voces da Marisma"... e moitas outras están deseñadas para o 2020.
Pero... esta gustounos especialmente e resultou moi emotiva!
Recibimos a visita das persoas maiores do Centro Os Cortizos e aínda resoan as súas voces nos corredores do instituto, nas aulas e na entrada do centro... Bailaron e falaron coa nosa rapazada que, certamente, non daba seguido o seu ritmo. Moitas grazas pola enerxía e o bo humor e a ilusión que trouxestes ao centro.
Pero tamén seremos nós quen visite. Desta volta, no Centro de Cesantes agardaban a chegada das nosas postais navideñas. Cun grupo de axudantes de biblioteca de 1 e 2 ESO fixemos un obradoiro de postais persoalizadas. Quedou a biblioteca chea de purpurina e de sorrisos. Chegaron con algo de retraso polo temporal, que nos impediu sair do centro o xoves antes de Nadal. Parece que a Marisma decidiu reaparecer íntegra neses días e asolagou a rúa. Pero a volta de vacacións alí estivemos... Contáronnos da súa infancia e de como recibían ás veces un xoguete para xogar no Nadal, só un, e que pronto se gardaba para sacalo no Nadal seguinte e volver utilizalo. E déronnos un agasallo moi doce con bombón escondido...
Como sabedes, tras anos de traballo na biblioteca escolar, este curso por fin conseguimos o PLAMBE!!
O noso proxecto de biblioteca escolar asenta as súas bases na realidade de Redondela e traza un concepto de biblioteca desde a idea de comunidade. O noso centro educativo, IES ILLA DE SAN SIMÓN, foi construido no ano 1999 nun dos recheos sobre a marisma levados a cabo nos anos sesenta, durante o desarrollismo da ditadura franquista. Resoan as voces da Marisma, así titulado, é un proxecto que pretende facer presente a marisma arrebatada á localidade a través da recuperación das palabras do pasado, que xa nas cantigas medievais nos nomeaban (Sedia-m’ eu na ermida de San Simión / e cercaron-mi-as ondas que grandes son. / Eu atendend’o meu amigu’! E verrá?” ), a través das palabras do presente da comunidade (recurrindo ás fontes orais da terceira idade e a documentación fotográfica) e a través das palabras futuras que o noso alumnado levará sempre consigo nun mundo xa globalizado. Porque aínda resoan as voces da marisma na memoria e na paisaxe, na comunidade, e queremos amplificalas. Este será o punto de partida e unión de todas as iniciativas. Aquí podedes seguir os avances e actividades que imos levando a cabo para que o noso alumnado non esqueza a grandeza do lugar no que habita...
Deixámosvos en PDF o proxecto íntegro, por se queredes facer algunha aportación desde as casas!!!