PARTICIPACIÓN NO PROXECTO “O MONTE VIVO” CURSO 2021/2022

O equipo de profesorado do proxecto “O Monte Vivo” dávos a benvida ás familias e comparte o entusiasmo con vós por mellorar o noso entorno e volvelo menos vulnerable fronte ao lume.

Todos e todas coñecemos a situación de fraxilidade do medio ambiente que nos rodea e o que periga para as nosas xeracións futuras. Un dos máximos riscos nesta comarca, que abarca os concellos de A Lama, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, é o do lume que arrasa coa vexetación deixando os solos empobrecidos e plagados de invasoras pirófitas como a acacia e o eucalipto.

O noso proxecto nace despois dos lumes de outubro de 2017 para evitar que volva a ocorrer dando unha solución á xestión do noso territorio, sempre co apoio da comunidade de montes de Cuñas.

No proxecto eliminamos pirófitas e plantamos un bosquete de autóctonas, carballo, bidueiro, érbedo, acivro, sobreira e sabugueiro, apoiados polo profesorado e alumnado da Escola de Capataces Forestais de Lourizán que se brindan a servirnos de apoio técnico.

Outra parte do proxecto consiste en aprender a xestionar o territorio con ferramentas informáticas (visor da Xunta) polo que vos pediremos información respecto á referencia catastral das fincas da familia para que aprendan a localizalas e medilas. Así mesmo recollemos patrimonio polo que traballaremos con fotos e gravacións co móbil e entrevistas de recollida da oralidade.

Neste curso 21/22 participamos en Voz Natura co deseño e marcaxe dun camiño por esta área de custodia.

Podes seguir as nosas actividades visualizando este vídeo https://vimeo.com/387417308, ou navegando pola nosa web https://isabeltorres.jimdofree.com/.

En breve realizaremos unha actividade conxunta facendo equipos entre o alumnado de 2º da ESO e o alumnado de Lourizán, que actúan como monitores, repoñendo  árbores e eliminado pirófitas. Traballaremos os mércores 27 de outubro e 3 de novembro.
Moitas gracias pola vosa colaboración.

O equipo do “Monte Vivo”