Na defensa dos Dereitos Humanos
No mes de decembro comezamos unha actividade en colaboración coa Rede de Escolas de Amnistía Internacional, a ONG independente que se centra na loita pola xustiza global e na defensa dos Dereitos Humanos.
Para conmemorar o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, expuxéronse no noso centro unha serie de carteis nos que se podían ler os 30 artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, redactada en 1948:
Ademais, durante o mes de xaneiro o Departamento de Francés e o alumnado de 1º Bacharelato participaron na campaña "Agasalla as túas palabras". Esta consiste en enviar a través de Amnistía Internacional (Vigo) unha serie de postais con mensaxes de apoio a persoas que foron encarceradas en diferentes países do mundo por expresar pacificamente as súas ideas.
Unha maneira de concienciarse sobre os dereitos humanos, facendo un xesto solidario e poñendo en práctica as competencias lingüísticas en francés, inglés, castelán e mesmo árabe.
Parabéns ao alumnado e profesorado participante pola fermosa iniciativa!