Un castiñeiro no Monte da Vila

O 10 de novembro o noso instituto celebrou o Magosto. Coma todos os anos, houbo castañas, chouripán, karaoke, Just Dance e diferentes competicións deportivas. Ademais, este ano tivemos a sorte de contar cunha exhibición de xadrez, grazas á colaboración da Escola de Xadrez “Cum Laude” do Grove.

Agradecémoslle á ANPA a súa axuda constante e imprescindible, que fixo posible que toda a comunidade educativa puidera desfrutar dunha xornada tan completa. A colaboración dos departamentos de Debuxo e Educación Física tamén foi vital nesta xornada.

 

Ademais, no marco do Plan Proxecta+, “O Monte vivo”, considerouse que o noso Monte da Vila ben merecía un castiñeiro durante a tradicional celebración do magosto. Así, coordinados por Claudio (conserxe do centro) e coa axuda de Iago (xefe do Dpto. de Educación Física), unha rapaza e varios dos seus compañeiros, maioritariamente de 2º ESO, colleron o sacho e, baixo a mirada dun cámara moi especial (Iñaki, de 2º Bacharelato artístico) plantaron “a súa árbore”. Deste xeito se referiu Claudio ao castiñeiro, implicando á rapazada no seu coidado para que nun futuro “os vosos fillos, cando veñan ao instituto, coman as castañas da árbore que plantastes vós”.

O alumnado participante amosou entusiasmo e escoitou seriamente as palabras finais de Claudio, aínda que, coma sempre, houbo quen non renunciou a un toque de humor: “¿e se non teñen fillos?”.

Proxecta+ “O monte vivo”.

Podedes ver os vídeos de Iñaki na seguinte ligazón.