Feminismo, diversidade, patrimonio cultural o ecoloxía conforman o traballo do día a día tanto no IES Maximino Romero de Lema como na comunidade educativa que participa e enriquece a convivencia no noso contexto rural. Proxectos como “Ao son do rural”, “Ao son delas” ou “Ao son da regueifa” veñen dando boa mostra.
Este curso 2019-2020 vai cargado de proxectos e actividades que veñen continuando e potenciando estes eixos de traballo. Neste mes de marzo, prestamos especial atención ao feminismo e diversidade, con un feixe de actividades para visibilizar a presenza das mulleres na cultura o deporte ou a ciencia. Tendo como faro o 8M Día das Mulleres Traballadoras, arrancamos xa o mes con propostas tan emocionantes como:
Saídas educativas: saída cultural a Madrid (4-6 marzo) co alumnado de 2º e 1º bacharelato de Historia da Arte, Artes Escénicas, Música e Imaxe e Son, para visitar o Museo do Prado e o Reina Sofía desde unha perspectiva de xénero, asistir a un musical e percorrer Ifema coa exposición do antigo Exipto. Saída a Santiago (5 marzo) á feira de minerais polo alumnado de Bioloxía e Xeoloxía ou saída a Vimianzo aos monólogos BigVan Ciencia (17 marzo) co alumnado de Física e Química e Bioloxía, axudando a visibilizar o papel das mulleres nestas áreas do saber.
Accións polo 8M desenvolveranse ao longo da semana do 9M:
► luns 9M: empezando o luns no recreo cunha gran cadea humana violeta arredor do noso centro, mostrando o noso compromiso de unidade polo feminismo e a diversidade entre rapazas e rapaces, profesorado e todas aquelas persoas que queiran sumarse! Será o noso centro epicentro de ondas pola igualdade! Ao longo dos recreos desa semana realizaranse outras accións como pintadas ou romper estereotipos pola igualdade.
► Mércores 11M: presentación do libro Ferreñas e Rock & Roll (13.30h., Usos Múltiples) polas súas autoras Iria Pedreira e Laura Romero, catálogo ilustrado a toda cor no que se outorga protagonismo a trinta e unha músicas ou formacións integramente femininas que marcaron un antes e un despois tanto nos seus respectivos estilos como no conxunto da música galega.
► Venres 13M: debate “Muller e deporte na Costa da Morte” coa participación, entre outras, de Paula Esteiro e María García, coas que falaremos do deporte feminino máis preto de nós. Obradoiros de Intelixencia emocional e educación afectivo-sexual: finalizaremos o mes con dous días de obradoiros (30-31 marzo) organizados a través da ANPA para o alumnado da ESO, dentro da estreita colaboración da toda a comunidade educativa no seu compromiso polo feminismo e a educación na igualdade e diversidade.
Acompañádenos a construír e partillar experiencias a través do feminismo, a diversidade o patrimonio cultural da comunidade de aprendizaxe que nos rodea. Estades tod@s invitad@s!!