Responder ó comentario

Plan Director para a convivencia. (BAC)

No IES Martaguisela continuamos co Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus entornos da Garda Civil.

Dentro do programa do Plan Director da Garda Civil, o día 19 de xaneiro o alumnado de 1º e 2º BAC asistiu á charla “Violencia sobre a muller e explotación sexual en entornos de prostitución” que lles impartiron o axente, don Aser Moreiro, especialista da EMUME (Equipo de Muller e Menores creado en 1995 para prestar atención personalizada ás vítimas durante a intervención policial) e Raquel Fernández, Educadora Social da Asociación ALUMAR (trátase dun proxecto de Cáritas de Ourense que ten como obxectivo fundamental acompañar e apoiar as mulleres que se atopan en contextos de prostitución, trata ou explotación sexual. Ademais pretender sensibilizar a sociedade para que coñeza a realidade dos contextos de prostitución e vulnerabilidade nos que se atopan as mulleres, ademais de realizar un labor de prevención e educación). Tamén estivo presente a Sra. Inspectora do Plan Director, dona Pilar Barandela.

En primeiro lugar, interveu Aser Moreiro, un garda civil que leva 29 anos dedicado a investigar delitos relacionados coa trata de persoas e coa prostitución. Comezou cun exemplo moi gráfico sobre unha das formas nas que este tipo de redes recrutan rapazas: buscan influencers nas redes sociais e prométenlles unha fin de semana de festas e luxo. A realidade é que acaban secuestradas durante varios meses sendo violadas por innumerables clientes.

O garda civil expuxo outras formas de captar rapazas, algunhas en países de África ou América e outras aquí en Europa. Tamén falou de redes de pederastia e de prostitución masculina, deixando moi claro que os consumidores de calquera destes tipos de prostitución ou pornografía son homes nun 95% dos casos.

Alén disto explicou a situación na que se ven as mulleres atrapadas en redes de trata de persoas, contraendo supostas débedas que nunca rematan de pagar e ameazadas polos seus captores. Contoulles que as redes de tráfico de drogas están intimamente relacionadas con este negocio, xa que moitas mulleres teñen que recorrer ao abuso de substancias para poder levar a situación na que se atopan. Ao mesmo tempo, os proxenetas encárganse de proporcionarlles as drogas para que así dependan deles.

Falou do negocio da pornografía e da situación na que se atopan as mulleres que se dedican a isto, destacando que arredor dos 25 anos xa se consideran “estropeadas” e como, para poder aforrar durante os anos que traballan, teñen que gravar moitísimas películas.

Destacou que a OMS (Organización Mundial da Saúde) considera que o dano psicolóxico sufrido polas mulleres que se dedican á prostitución, incluso de forma “voluntaria” (tanto el como a traballadora social que o acompañaba consideran que tal voluntariedade non existe) é comparable a unha situación de escravitude e tortura.

Na segunda metade da charla foi Raquel Fernández, educadora social de ALUMAR, que traballa nunha asociación dedicada a axudar a mulleres que queren deixar a prostitución explicou que as contactan para que saiban que as poden axudar e que, se elas deciden dar o paso, proporciónanlles axuda psicolóxica, legal, loxística, para atopar traballo, etc.

Esta traballadora destacou a valentía destas mulleres, que deben romper cunha vida de abusos e adiccións e que afrontan danos psicolóxicos, ás veces, de por vida.

Os dous relatores resaltaron que tanto a industria da prostitución como a da pornografía existen porque hai unha demanda e que o seu obxectivo é que os rapaces e rapazas, antes de consumir calquera das dúas cousas, reflexionen acerca de todo o que hai detrás.

O alumnado participou atentamente da charla e formulou diferentes preguntas que foron respondidas adecuadamente á idade da rapazada.

Dende o IES Martaguisela queremos agradecer, unha vez máis, o labor de concienciación que se está a levar a cabo entre a alumnado dentro deste programa do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus entornos da Garda Civil.

 

Deixámosvos algunhas fotografías da sesión.

Facendo clic aquí ou na imaxe poderás ver máis fotos da actividade

Responder

Powered by Drupal - Design by artinet