Na semana do 13 de xaneiro a comunidade educativa do noso instituto puido gozar da mostra “Cartas de amor” inserta no marco do Plan Proxecta que se desenvolve no centro coa liña Por 365 días de respecto e igualdade. Durante toda a semana nos corredores da planta baixa penduraron diferentes mostras do cómic galego sobre a violencia de xénero con debuxos feitos por artistas de sona como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares. A exposición pretende achegar unha realidade presente na sociedade e sensibilizar a poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse. O obxectivo é axudar a detectala e polo tanto a eliminala.
Con Cartas de Amor, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende establecer un paralelismo entre o romanticismo das primeiras parellas e a crueldade que ás veces conleva. Todo isto, tendo en conta que nos últimos anos, se detectan moitos casos de relacións de parellas entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e incluso física.
O alumnado traballou en grupos o significado de cada unha das representacións a partir de diversos cuestionarios e actividades insertos na unidade didáctica traballada e elaborou como produto das súas reflexións diferentes cartas para os seus protagonistas situándose na súa pel, auténticas “Cartas de amor”.