Skip to Content

Eventos

Presentación de proxectos STEMbach 2021-2023.

O pasado luns, 13 de Febreiro, tivo lugar no salón de actos do noso IES a exposición e defensa dos proxectos de segundo de STEMbach (promoción 2021 – 2023). O tribunal avaliador estivo formado por Xoán Carlos Rodríguez, Carlos Cazón e Carlos Herrero.

Os sete proxectos, os cales foron expostos e defendidos ante as preguntas do tribunal cun nivel excepcional, foron os seguintes: “creación dun MDT a partir da tecnoloxía LIDAR, instalada nun UAV” por Santiago Rouco e Roi Pérez; “xeometrías non euclidianas” por Adrián García; “diferencias dos nanocompostos entre o mundo do laboratorio e o mundo industrial” por Sergio Gómez; “cuantificación de proteínas na carne de polo utilizando o método de Lowry” por Aman Santana; “recoñecemento facial” por Xonxa López e Laura Ballesteros; “creación de redes neuronais artificiais para o control intelixente de robots” por Manuel José López e Samuel Fernández; “determinación de sexo en aves mediante técnicas de bioloxía molecular” por Lara Somoza, Marta Rivera e Iria Fernández.

O alumnado obtivo a máxima cualificación e recibiu os seus diplomas de asistencia e aproveitamento.

 

Álbum: Sen categoría -> defensa 23

Visita ó CETIM e MUNCYT do alumnado de StemBach

O pasado venres día 3 pola mañá, o noso alumnado STEMBach de 1º curso visitou as instalacións do Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial (CETIM).
Alí observaron e comprobaron os ensaios que se fan para investigación en materiais lignocelulósicos, materiais poliméricos e revestimentos, materiais de construción sostibles, materiais para o almacenamento de enerxía, tratamento de augas e do aire, biorrefinerías, etc.
Tamén viron os laboratorios de Servizos tecnolóxicos: análise ambiental, análise e caracterización físico-química e microbiolóxica, envellecemento, laboratorio de construción.

Pola tarde, visitaron as instalacións do MUNCYT, nas que viron, entre outros obxectos de interese, un dos primeiros microscopios de efecto túnel, a cabina dun Boeing 747 e unha locomotora de vapor.

Álbum: Sen categoría -> Visita Stembach ó CETIM e MUNCYT

Visita aos laboratorios da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo

Este mércores 30 de Marzo, o alumnado de primeiro de StemBach visitou os laboratorios docentes e de investigación da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo.

Esta visita foi guiada pola profesora da área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Asteria Luzardo. 

Álbum: Sen categoría -> StemBach 21-23. Visita Facultade de Ciencias

Visita ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR)

O mércores 16 de Febreiro, o alumnado de primeiro curso de StemBach visitou o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (Castro de Rei, Lugo, páxina web: https://www.inta.es/CIAR/es/inicio/).

O CIAR é un centro de ensaios pioneiro na integración das Plataformas Aéreas de Investigación  tripuladas xunto co desenvolvemento de sistemas remotamente tripulados (RPAS, Remotely Piloted Aircraft Systems). Así mesmo, este centro é o único a nivel europeo que permitirá dado as suas características e equipación, unha vez que se aprobe unha normativa específica para avións non tripulados, o ensaio e certificación deste tipo de aeronaves.

Álbum: Sen categoría -> Visita ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR)

Presentación de proxectos StemBACH 2020/2022

O pasado mércores 9 de Febreiro, tivo lugar no salón de actos do noso IES a exposición e defensa dos proxectos de segundo de StemBach (promoción 2020 - 2022). 
Os cinco proxectos, os cales foron expostos e defendidos ante as preguntas do tribunal con un nivel excepcional, foron os seguintes:


- Aplicaciones del pez cebra como modelo biológico en biomedicina.
O autor deste traballo foi Manuel Méndez Núñez, o cal estivo titorizado polo profesor do noso IES Xoan Carlos Rodríguez e polas profesoras da USC, María López Villar e Laura Sánchez Piñón.
O obxectivo deste proxecto foi comprobar a viabilidade do peixe cebra como modelo para estudar a enfermidade xenética de Niemann-Pick (NPC1), empregando para elo técnicas de biolóxia molecular como extracción de ADN, PCR e electroforese. Nunha segunda parte deste proxecto, realizouse un estudo de farmacotoxicidade do fármaco clonazepan para determinar as doses terapéuticas e a LC50 para combatir as crises epilépticas desta enfermidade.

- A sucesión de Fibonacci como patrón na natureza.
Os autores deste traballo foron Pablo Palmou Guntín e Kamil Anni Medina Rodríguez, os cales foron titorizados pola profesora do noso IES María José Macía Baldonedo e polo profesor da USC, Miguel Vilar Rivas.
O obxectivo deste traballo foi crear un programa informático para modelizar a filotaxia espiral das sémolas dunha planta de xirasol, empregando para elo o sofware CAD gratuíto de código aberto, OpenSCAD.

- Agricultura de precisión aplicada ao fertilizado do terreo.
O autor deste traballo foi Brais Vázquez Bande, titorizado polo director do noso IES, Carlos Cazón Rivas, e polo profesor da USC, Javier Bueno Lema.
O obxectivo xeral deste proxecto foi realizar unha simulación de fertilización mineral empregando a tecnoloxía da agricultura de precisión para comprobar a súa viabilidade nas condicións dunha explotación agrícola ou gandeira en Galicia.

- A ciencia dos alimentos a nivel nano.
As autoras deste traballo foron Antía Castro Díaz e Lucía Delgado Fernández, as cales foron titorizadas pola profesora do noso IES María Inés García Seijo, e polo profesor da USC, Francisco Fraga López.
Neste proxecto as autoras mediron mediante calorimetría diferencial de barrido (DCS) a entalpía, así como, a temperatura de transición vítrea dunha mostra formada por un polímero termoestable ao que se lle incorporaron nanotubos de carbono. 

- Nanotecnología y sus aplicaciones en medicina.
Os autores deste traballo foron Juán e Pedro Viadé Rivas, titorizados pola profesora do noso IES María Dolores Castro Duarte e polo profesor da USC, Francisco Fraga López.
O obxectivo deste proxecto foi a obtención de parámetros calorimétricos (temperatura de transición vítrea, calor específico e entalpía de reacción) mediante calorimetría diferencial de barrido (DCS) dun sistema polimérico ao que se lle incorporaron nanotubos.

O tribunal avaliador estivo formado por Xoán Carlos Rodríguez, Paulino Martínez Portela e Carlos Cazón Rivas.
O alumnado obtivo a máxima cualificación e recibiron os seus diplomas de asistencia e aproveitamento.

Álbum: Sen categoría -> Presentación de proxectos StemBach 20/22

Acto inaugural Stembach21/23

O 6 de Outubro ás 16:30 tivo lugar no salón de actos do IES Lucus Augusti a conferencia inaugural do cuarto curso do bacharelato de excelencia, a cal foi impartida polo profesor da USC o doutor Carlos Herrero Latorre do departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía. 

A esta conferencia asistiron alumnado de primeiro e segundo de bacharelato xunto cos docentes desta instititución implicados. 

Despois dun discurso de benvida por parte do director do IES Lucus Augusti, Carlos Cazón, o profesor Carlos Herrero impartiu unha amena e didáctica charla na que explicou o método científico, enlazandoo cas grandes revolucións científicas que aconteceron a partir do século XIX. Nunha segunda parte da conferencia, expuxo algúns resultados do traballo do seu grupo de investigación, así como, os resultados dos proxectos do alumnado do terceiro curso de STEMBach relacionados todos eles ca quimiometría. Máis concretamente, presentou aplicacións no ámbito alimentario da análise de gran cantidade de datos, suministrados polos equipos de medición actuais. Englobou técnicas de visualización, como a análise de compoñentes principais, e de recoñecemento de modelos supervisadas, como a análise discriminante, KNN, SIMCA e redes neuronais, aplicandoas a exemplos de mostras alimentarias como carne, leite e mel de diferente lugar de orixe, procesado, etc.

Deste xeito, este poñente inaugurou este curso de STEMBach, como xa o veu facendo nas pasadas edicións.

 

Álbum: Stembach21/23 -> Presentación Stembach21/23
Distribuir contido


by Dr. Radut