Skip to Content

Eventos

Presentación de proxectos StemBACH 2020/2022

O pasado mércores 9 de Febreiro, tivo lugar no salón de actos do noso IES a exposición e defensa dos proxectos de segundo de StemBach (promoción 2020 - 2022). 
Os cinco proxectos, os cales foron expostos e defendidos ante as preguntas do tribunal con un nivel excepcional, foron os seguintes:


- Aplicaciones del pez cebra como modelo biológico en biomedicina.
O autor deste traballo foi Manuel Méndez Núñez, o cal estivo titorizado polo profesor do noso IES Xoan Carlos Rodríguez e polas profesoras da USC, María López Villar e Laura Sánchez Piñón.
O obxectivo deste proxecto foi comprobar a viabilidade do peixe cebra como modelo para estudar a enfermidade xenética de Niemann-Pick (NPC1), empregando para elo técnicas de biolóxia molecular como extracción de ADN, PCR e electroforese. Nunha segunda parte deste proxecto, realizouse un estudo de farmacotoxicidade do fármaco clonazepan para determinar as doses terapéuticas e a LC50 para combatir as crises epilépticas desta enfermidade.

- A sucesión de Fibonacci como patrón na natureza.
Os autores deste traballo foron Pablo Palmou Guntín e Kamil Anni Medina Rodríguez, os cales foron titorizados pola profesora do noso IES María José Macía Baldonedo e polo profesor da USC, Miguel Vilar Rivas.
O obxectivo deste traballo foi crear un programa informático para modelizar a filotaxia espiral das sémolas dunha planta de xirasol, empregando para elo o sofware CAD gratuíto de código aberto, OpenSCAD.

- Agricultura de precisión aplicada ao fertilizado do terreo.
O autor deste traballo foi Brais Vázquez Bande, titorizado polo director do noso IES, Carlos Cazón Rivas, e polo profesor da USC, Javier Bueno Lema.
O obxectivo xeral deste proxecto foi realizar unha simulación de fertilización mineral empregando a tecnoloxía da agricultura de precisión para comprobar a súa viabilidade nas condicións dunha explotación agrícola ou gandeira en Galicia.

- A ciencia dos alimentos a nivel nano.
As autoras deste traballo foron Antía Castro Díaz e Lucía Delgado Fernández, as cales foron titorizadas pola profesora do noso IES María Inés García Seijo, e polo profesor da USC, Francisco Fraga López.
Neste proxecto as autoras mediron mediante calorimetría diferencial de barrido (DCS) a entalpía, así como, a temperatura de transición vítrea dunha mostra formada por un polímero termoestable ao que se lle incorporaron nanotubos de carbono. 

- Nanotecnología y sus aplicaciones en medicina.
Os autores deste traballo foron Juán e Pedro Viadé Rivas, titorizados pola profesora do noso IES María Dolores Castro Duarte e polo profesor da USC, Francisco Fraga López.
O obxectivo deste proxecto foi a obtención de parámetros calorimétricos (temperatura de transición vítrea, calor específico e entalpía de reacción) mediante calorimetría diferencial de barrido (DCS) dun sistema polimérico ao que se lle incorporaron nanotubos.

O tribunal avaliador estivo formado por Xoán Carlos Rodríguez, Paulino Martínez Portela e Carlos Cazón Rivas.
O alumnado obtivo a máxima cualificación e recibiron os seus diplomas de asistencia e aproveitamento.

Álbum: Sen categoría -> Presentación de proxectos StemBach 20/22

Visita a Porto

Os días 2 e 3 de setembro o alumnado de primeiro curso do bacharelato STEM visitou esta cidade do país veciño no marco do proxecto Phereclos. Foron acompañados dos compañeiros do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e do Xelmírez II, cos que xa traballaran de xeito virtual durante as tres xornadas de emprendemento do pasado mes de abril.

O primeiro día asistiron na Porto Business School a varias charlas sobre innovación en producto e, en grupos, comezaron a traballar con varios proxectos. O segundo día recibiron información interesante na Fundaçao da Juventude, visitaron o Laboratório Ferreira da Silva no Museu de História Natural e Ciência da Universidade de Porto e tiveron tempo de lecer para disfrutar de diferentes atractivos lingüísticos, culturais e sociais nunha gran cidade dun país extranxeiro pero moi próximo ao noso.

Álbum: Sen categoría -> visita Porto

Visita ao CIAR

Este 4 de maio os alumnos de primeiro curso de STEMbach visitaron o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (Castro de Rei), impulsado polo INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial), a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Este centro é pioneiro na integración das Plataformas Aéreas de Investigación e no desenvolvemento de avións remotamente tripulados. Esta viaxe foi financiada polo proxecto Phereclos, no que participa o noso IES.

Visitaron as súas instalacións, recibiron información sobre as súas investigacións pasadas e en curso, así como dos congresos e xornadas alí realizadas.

Ademais, informáronos da iniciativa Civil UAVs (de sistemas aéreos non tripulados) da Xunta de Galicia para impulsar unha industria aeroespacial na rexión, onde xa están instaladas compañías como Indra, Babcock e Boeing. Estas empresas atopan en Rozas o apoio do INTA e un emprazamento privilexiado dada a obriga actual para os avións non tripulados de voar só nun espacio restrinxido.

Álbum: Sen categoría -> CIAR 21

Acto de presentación do STEMbach 2020/22

O vinte de outubro tivo lugar no IES Lucus Augusti a presentación, por terceiro curso, do bacharelato de excelencia, á que asistiron os alumnos de primeiro e segundo de BAC. Ademais dos profesores desta institución implicados, acudiu Carlos Herrero Latorre, profesor da USC do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía.

Despois dun discurso de acollida por parte do director do IES, o que foi vicerreitor da USC impartiu unha magnífica charla de quimiometría. Concretamente, presentou aplicacións no ámbito alimentario da análise de gran cantidade de datos, suministrados polos equipos de medición actuais. Englobou técnicas de visualización, como a análise de compoñentes principais, e de recoñecemento de modelos supervisadas, como a análise discriminante, KNN, SIMCA e redes neuronais. Presentou exemplos de carne, leite, viño e mel de diferente lugar de orixe, alimentación, procesado, etc. Finalmente, cos exemplos de análise alimentaria presentados, lembrou as etapas do método científico. Deste xeito, este poñente inaugurou as actividades deste bacharelato, como xa o veu facendo nas pasadas edicións.

Álbum: Sen categoría -> Quimiometría
Distribuir contido


by Dr. Radut