Skip to Content

Conferencias

As matemáticas na era da información

O doutor en matemáticas pola Universidade Complutense David Gómez Castro, do Instituto de Matemáticas da Universidade de Oxford, impartiu este 7 de xuño unha conferencia virtual para alumnado de primeiro curso do bacharelato STEM.

Describiu o “big data” ou datos masivos, e presentou exemplos de estatística básica, de optimización a gran escala, de modelos de busca e recomendación, da análise de compoñentes principais para o recoñecemento de caracteres, problemas ou algoritmos de grupos, de estratexias automáticas, de redución de información e clasificación. Presentou tamén modelos paramétricos como o da caída libre, con problemas como o “over-fitting”, e exemplos actuais de aplicacións de redes neuronais.

Con esta conferencia o alumnado puido ver numerosas aplicacións matemáticas reais, unha carreira que aumentou a súa demanda nos últimos anos. Esta será a última actividade de STEMbach do Lucus Augusti antes dos exames finais. Desexamos moita sorte a este alumnado exemplar.

Álbum: Sen categoría -> David Matemáticas 21

Coñecendo a Axencia Espacial Europea (ESA)

Este 10 de maio os alumnos de primeiro curso deste bacharelato e o seu profesorado asistiron á conferencia impartida pola controladora de proxectos da ESA, a galega Estela Prol Padín.

En primeiro lugar, a enxeñeira pola USC presentou a organización na que traballa e os seus estados membros, asociados e con acordos de cooperación. Falou da estructura da axencia, directamente relacionada cos programas que desenvolve e dos lugares físicos onde se fan algunhas tarefas. Amosou programas que miran ao espazo, á Terra, de telecomunicacións e algúns videos sobre algunha das misións máis recentes e futuras. Finalmente, indicou cómo chegou a ese traballo e algúns dos programas existentes para estudantes que queren formarse na ESA.

Álbum: Sen categoría -> ESA

Terceira xornada de emprendemento e innovación coa Universidade Júnior de Porto.

A última xornada de emprendemento coa Universidade Júnior de Porto, cos compañeiros do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e do Xelmírez II, tivo lugar este 26 de abril por videoconferencia no salón de actos do noso IES. Esta vez, ademais do alumnado STEMbach, asistiron tamén os profesores deste bacharelato.

O profesor Tiago Silva continuou coa presentación de ferramentas para o emprendemento como as figuras “si, e”, selección, bosquexo, prototipado e montaxe de ideas creando experiencias.

Álbum: Sen categoría -> Porto 3

Segunda xornada de emprendemento e innovación coa Universidade Júnior de Porto.

Este 19 de abril o alumnado STEMbach asistiu por videoconferencia, cos compañeiros do pasado luns, á segunda xornada de emprendemento e innovación da Universidade Júnior de Porto.

O profesor Tiago Silva continuou a falar da estratexia de formación do equipo de cofundadores, os seus obxectivos e a súa visión, e presentou un exemplo de formación dunha empresa emerxente. Finalmente, o alumnado realizou unha actividade de exploración do problema de mellorar a educación remota empregando entrevistas.

O próximo luns terá lugar a terceira e última destas xornadas.

Álbum: Sen categoría -> Porto 2

Primeira xornada de emprendemento coa Universidade Júnior de Porto.

Este 12 de abril o alumnado STEMbach asistiu por videoconferencia, cos compañeiros do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e do Xelmírez II, á primeira xornada de emprendemento da Universidade Júnior de Porto.

O profesor portugués Tiago Silva impartiu esta xornada e falou de conceptos como innovación, emprendedores, empresas emerxentes e as súas fases.

Esta foi a primeira de tres xornadas, as dúas restantes terán lugar nos dous luns vindeiros, que se realizan ao abeiro do proxecto europeo Phereclos, no que participa o noso IES.

Álbum: Sen categoría -> Porto 1

Plantando cara ao lume

Este 22 de marzo Beatriz Omil, doutora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinadora de medios aéreos e terrestres para a extinción de incendios na nosa provincia, impartiu un seminario e un pequeno obradoiro de determinación de pH en diferentes solos. A esta actividade, que vén sendo habitual no noso IES, asistiron os alumnos de primeiro curso de STEMbach e profesores e tivo lugar no salón de actos.

A charla comezou presentando as características dos lumes actuais, cada vez son menos en número pero afectan a maior superficie, e recordou algúns dos lugares dos máis importantes. Indicou que a intensidade do lume serve para clasificar os solos despois dun incendio, xa que se a intensidade deste é alta isto é perigoso porque non hai revexetación. Recordou que actualmente un 90% dos incendios son debidos ao ser humano. O seu compañeiro Alan Alburquerque falou da importancia das cinsas como fertilizantes.

A continuación, os alumnos determinaron experimentalmente o pH de diferentes solos: dun souto, dun eucaliptal e de 2 solos queimados con diferente intensidade.

Para rematar, Beatriz presentou a xestión forestal sostible e posibles actuacións antes dos incendios: podas, desbroces, distanciamento da masa forestal das casas, …, e despois destes: “mulching”, “alborradas”, sementa de vexetación idónea, ... Finalmente, a súa compañeira Noelia Lence presentou o traballo do servicio de incendios da Xunta de Galicia.

Álbum: Sen categoría -> Plantando cara ao lume 21
Distribuir contido


by Dr. Radut