Skip to Content

Conferencias

Ethical hacking and cybersecurity

Este 22 de febreiro a experta en ciberseguridade Soledad Antelada, do Lawrence Berkeley National Laboratory na Universidade de California, impartiu unha conferencia sobre rastrexo ético no salón de actos do noso instituto para alumnado e profesorado deste bacharelato de excelencia.

A poñente comenzou a xornada cunha introdución da “piratería” informática ao longo da historia. Ademais, presentou pormenores importantes como son os ocos de seguridade e falou da importancia da ética nesta profesión. Finalmente, houbo unha interesante rolda de preguntas.

Álbum: Sen categoría -> Soledad Antelada

Vacinas

A investigadora do laboratorio de microbioloxía de referencia para Escherichia Coli, Dafne Díaz, impartiu unha magnífica conferencia sobre vacinas para alumnado e profesorado do noso instituto.

Este 1 de febreiro, a que noutrora foi alumna do noso centro, explicou o xeito de desenvolvelas: a partir de virus, de material xenético e de proteínas. Falou do país de orixe, da tecnoloxía empregada, da loxística, da eficacia e do prezo de diferentes marcas comerciais.

A conferencia rematou con numerosas cuestións por parte do público asistente, dado o interese actual do tema.

Álbum: Sen categoría -> vacinas

Preocupación nos centros de ensino pola COVID-19

A coñecida neurocientífica lucense Sonia Villapol, dende o Instituto de Investigación no Methodist Hospital en Houston (Texas, USA) no que traballa como investigadora principal, impartiu unha magnífica e esclarecedora conferencia sobre o coñecemento científico actual da COVID-19 para os alumnos e profesores do noso instituto (ver vídeo adxunto).

Este 25 de xaneiro, a tamén divulgadora presentou a estructura do Sars-CoV-2, a súa entrada nas células e os seus temidos efectos neurolóxicos nos humanos, presentes e futuros. Explicou dun xeito didáctico a información que ofrecen os diferentes tipos de probas e que esta é complementaria. Recordou os modos de transmisión e a importancia da ventilación e humidade para reducir os contaxios. Finalmente, falou de armas que empregamos nesta loita: as máscaras e as vacinas.

Álbum: Sen categoría -> Sonia Villapol

Retos, paradoxos e incertezas dunha robótica cada vez máis perturbadora e transgresora

O coordinador do Grao de Robótica da USC e profesor do departamento de Electrónica e Computación da Escola Politécnica Superior, Roberto Iglesias, impartiu unha magnífica conferencia ao alumnado de primeiro e segundo curso de STEMbach e ao profesorado.

Un robot Nao captou a atención dos asistentes á conferencia de robótica este 3 de decembro coa súa flexibilidade e humor. A continuación, o profesor presentou a nova revolución que suponen a robótica (que xa non se distingue da intelixencia artificial) e a automatización industrial. Falou dos cobots, os xemelgos dixitais, a robótica colaborativa, as “luces apagadas” e as súas aplicacións a nivel industrial e de servizos tanto profesionais como persoais. Ademais, presentou exemplos de robots que son perturbadores en canto a que non son os esperables, retos da robótica como a súa fiabilidade, e paradoxos como o de Polanyi segundo o que sabemos máis do que podemos explicar. Rematou animando ao alumnado a cursar estes estudos, nos que a demanda profesional na actualidade é moi alta.

Álbum: Sen categoría -> conferencia robótica
Distribuir contido


by Dr. Radut