slideshow 1 slideshow 2 slideshow 3

INFORMACIÓN BACHARELATO

INFORMACIÓN FP

       

HORARIOS MODULAR

CONVOCATORIA SERGAS

 

 

                 

 

I Premio á Calidade Lingüística dos Proxectos dos ciclos superiores de FP

Hoxe, mércores 20 de novembro, entregáronse os «Primeiros Premios á Calidade Lingüística dos proxectos e proxectos integrados dos ciclos superiores de FP». Este premio foi convocado o curso pasado por vez primeira polo Departamento de Dinamización Lingüística do IES Lamas de Abade, coa intención de achegar as actividades deste departamento ó alumnado dos ciclos.
Os premiados foron dous proxectos do ciclo de Saúde ambiental e de Documentación e administración sanitaria, titulados respectivamente Gabinete de asesoramento técnico en saúde ambiental e Os recortes na sanidade pública. Cada premio, cunha dotación económica de 100€, repartiuse entre os autores dos traballos citados: Carolina Castro, Eugenio Barral e Marcos Corzón no primeiro ciclo; e Mercedes Castiñeiras, Rocio Fernández, Natividad Ferreiro, Alba Freire e Esmeralda López no segundo.
Ó acto presentado pola coordinadora de Dinamización Lingüística, Rosa Conde, asistiu Pura Galán como representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a directora do IES Lamas de Abade, Dolores Picón. Ambas as dúas felicitaron o alumnado ganador e animaron os compañeiros deste curso a presentar os seus proxectos en galego para optar a este premio. Antes da entrega do premio  Begoña Potí, do Equipo de Dinamización Lingüística, reivindicou o valor da nosa lingua tamén para proxectos técnicos coma os ganadores e equiparou a súa defensa coa dunha especie protexida.
Podedes pulsar nas imaxes, ou neste link, para ver múltiples fotografías do evento que compartimos co noso habitual álbum.
           
 

"El despegue que nunca existió" na nosa canle de Twitch.tv

O venres pasado deixamos aviso do relatorio que o alumnado do Centro presentaría no Congreso de Enciga.

Nesa mesma nova tería que ter figurado o anuncio de que a conferencia podería seguirse en streaming pola canle "Lamasabade" que o Departamento de Tecnoloxía xestiona na plataforma Twitch.tv. 

Non obstante, por despiste imperdoable do que escribe, ese aviso nunca chegou a colgar da web.

Ó único alivio é poder avisar agora da posibilidade de gozar do relatorio na mesma canle mediante este enlace, xa que a conferencia foi gravada e quedou colgada na web. As nosas máis sentidas desculpas polo erro.

Alumnado do Stembach seleccionado para o programa "Tecnólog@ por un día"

 

 

Recibimos con enorme ledicia a nova na que nos comunican que varios representantes do alumnado do «Stembach» foron seleccionados para participar no programa "Tecnólog@ por un Día" organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Neste programa, do que facilitamos link para completar información, o alumnado seleccionado comparte unha intensa xornada de traballo con profesionais das empresas tecnolóxicas que participan na actividade. 

No IES Lamas de Abade os alumnos do «Stembach» Sergio Dacal e Xabier Casillas foron seleccionados para compartir esta experiencia tecnolóxica na propia "Amtega" e na empresa "Sixtema" de Santiago de Compostela. Parabéns para alumnado e profesorado!!. 

Gran estrea mundial en exclusiva: «MEMORANDUM»

«Memorandum», un traballo de "Cinema e Literatura Galega" para o Premio Alice Guy-Blaché

Tres alumnas da materia Cinema e literatura galega (Ainhoa Caamaño, Elisa Nieves e Xiana Villaverde) acaban de presentar a curtametraxe Memorandum ó Premio Alice Guy-Blaché (primeira muller en explorar o cinematógrafo  como canle  privilexiada para contar historias)  convocado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

A convocatoria leva por lema Facemos historia pola igualdade, e con esa intención Memorandum plasma en tres escenas cotiás de tres mulleres galegas, anónimas e nunca recoñecidas, a coraxe coa que, caladamente, loitaron pola igualdade e reivindicaron o seu lugar na familia e na sociedade. Memorandum é unha cinta baseada na realidade matriarcal de Galicia, é unha homenaxe á muller rural galega, nunca valorada pero sempre poderosa.

Non obstante, a curtametraxe só é a síntese final dunha inmensa tarefa. Por iso compartimos con vós os materiais cos que poderedes comprobar o inmenso esforzo desenvolvido na realización deste traballo. Pulsade en cada imaxe para acceder ao material: 

                            Guión                      Diario de Rodaxe                          Folleto

E finalmente compartimos o Álbum co cartaz, curtametraxe e "making of" da rodaxe:

Conferencia no XXXII Congreso ENCIGA

 

Unha nova edición do Congreso da ENCIGA (Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia) na que o noso alumnado aportará de novo un relatorio de grande interese.

O XXXII Congreso está a celebrarse dende hoxe no IES María Sarmiento de Viveiro. Nesta ocasión a conferencia que presentarán Rita Domínguez e Sergio Dacal do 1º de Bacharelato do IES Lamas e Abade, acompañados polo profesor de Física e Química José Manuel Facal, estuda un curioso e complexo acontecemento aeronáutico que desenvolven baixo o título "El despegue que nunca existió". Prometen remitir fotografías do evento. Moita sorte co relatorio!!

 

Compartimos tamén o link co programa do Congreso

Conferencia do Dr. Anxo Carracedo: "Presente e futuro da Medicina Xenómica"

O Doutor Anxo Carracedo é, entre outros méritos e títulos, Catedrático da USC, Director Executivo da Fundación Galega de Medicina Xenómica, Director do Centro Nacional de Xenotipado, Coordinador do Grupo de Medicina Xenómica, representante de España na Axencia Europea do Medicamento ou Editor da revista Forensic ScienceInternational Genetics.

Estes son algúns dos avais dun dos científicos máis importantes da actualidade. Investigador e experto internacional en Xenética que, por riba, sempre ten un pouco do seu tempo dispoñible para actividades de difusión. 

Por iso poderemos gozar da súa presenza o día 22 de novembro cunha conferencia titulada "Presente e Futuro da Medicina Xenómica" no Salón de Actos do IES Lamas de Abade xusto ao rematar o recreo (12:00 horas).

Suso de Toro no Lamas de Abade: "Imaxes e Palabras"

Falar de Suso de Toro é falar de Literatura Galega con maiúsculas, pero tamén destaca polos seus traballos en teatro, televisión, cinematografía, xornalismo e polo seu compromiso político. 

Por todo isto Suso de Toro será o convidado para unha charla na Biblioteca do Lamas o próximo 7 de novembro da que gozará o alumnado dos cursos de 1º e 2º de Bacharelato das materias de "narrativas cinematográficas" e "Cinema e Literatura galegos". A actividade está programada para comezar ás 12:00

Máis información e fotografías da actividade no Instagram da Biblioteca  

Fotos da Actividade sobre o Alzhéimer con Carlos Spuch

O martes 22 de outubro, tal e como avisamos nos eventos da nosa web, o alumnado do Ciclo formativo de grao medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría acudiu a unha actividade enmarcada no programa Rede Paraugas Alzhéimer 4.0 da Federación Alzhéimer Galicia e a Fundación Barrié.

A actividade, que se divide en tres etapas, dou comezo cunha charla impartida polo neurobiólogo e investigador Carlos Spuch, que acercou ao alumnado do centro a realidade dos enfermos de Alzhéimer e a situación actual da investigación nesta patoloxía.

Esta actividade continuará ao longo deste trimestre con dúas etapas máis, unha de sensibilización na aula, na que un profesional da asociación AGADEA Alzhémer acudirá ao cento educativo a relatar a súa labor dentro da asociación, e unha derradeira etapa na que o alumnado visitará as instalacións dun centro de atención a persoas con demencia.

De momento compartimos con vós o álbum de fotografías da conferencia con Carlos Spuch

Charla de Avène sobre o "Tratamento do Acné"

A prestixiosa marca de cosmética Avène con sede en París, responsable do desenvolvemento de multitudes de cremas, augas micelares e produtos de maquillaxe entre outros moitos, impartirá no Lamas de Abade unha charla sobre o Acné.

O alumnado que asistirá a esta charla será o matriculado nos cursos de 1º e 2º de FAEPA-B. A charla será impartida o vindeiro luns 11 de novembro en horario de tarde dende as 16:00 horas

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer