Skip to Content

IV Edición das Becas-Premio Fundación Fernando Blanco de Lema

A Fundación Fernando Blanco de Lema (patrocinada por FerroAtlántica e o Concello de Cee) e o I.E.S. Fernando Blanco de Cee veñen de convocar a cuarta edición das Becas-Premio Fernando Blanco, correspondentes ao curso 2014-2015. Tras o éxito das convocatorias anteriores, Fundación e Instituto seguen a lembrar con elas que o obxectivo de D. Fernando Blanco de Lema foi a construción na súa vila natal, dun centro de primeira e segunda ensinanza, cuxa finalidade era a correcta formación dos alumnos/as da comarca, buscando con iso que non tivesen as carencias formativas que el, e outros tantos coma el, tiveron nas súas infancias. Que mellor maneira de lembrar este feito que a través duns Premios que leven o seu nome, destinados a recoñecer o esforzo do alumnado deste emblemático centro educativo.

Ao igual que en cursos pasados, os devanditos Premios teñen por finalidade premiar a 5 dos mellores expedientes académicos do I.E.S. Fernando Blanco de Cee (cursos: 1º de F.P. Básica; 3º da E.S.O; 1º Bacharelato; 1º de Ciclo Medio e 1º de Ciclo Superior). Cada unha das Becas-Premio está valorada en 512 € (200 € en metálico e 312 € en vales de compra a consumir nos establecementos colaboradores).

Os alumnos/as que opten a estes Premios deberán ter todas as materias aprobadas en xuño, cunha nota media mínima de 8,5.

A cerimonia de entrega das mesmas, celebrarase o 5 de setembro no salón de actos do I.E.S. Fernando Blanco.

Para levar adiante esta iniciativa, a Fundación e o I.E.S. Fernando Blanco contan coa colaboración desinteresada dun total de 13 entidades: Deputación da Coruña, Estación de Servicio Bazarra, Centro Comercial Finisterrae, Ler Librerías, Fersi Papelería, Aurora Sport, Cabo Sport, Grupo Santitel-Vodafone, Librería Trazos, Roberto G. Rigaut (Mapfre), Compucee, Xardinería Vieites e Seguros Costa da Morte.

 

 



page | by Dr. Radut