Actividades

Acto en contra da violencia cara ás mulleres

O pasado venres 24 de novembro conmemoramos o Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres no IES de Fene. Alumnado e profesorado reunímonos nas pistas para decir NON a calquera tipo de violencia machista. Soou música, léronse poemas e portáronse pancartas en prol da eliminación da violencia contra a muller. Ademais uns días antes o alumnado da ESO aproveitou para facer bolboretas e confeccionar un mural espectacular no hall de saída ás pistas.

   
         
   

Teatro na Casa da Cultura

O pasado 13 de novembro o alumnado de 1º e 2º da ESO acudiu á casa da Cultura de Fene para presenciar a representación "Mozas nas redes" protagonizada pola actriz Estívaliz Veiga. A obra con formato de monólogo xira en torno aos perígos que presentan as redes sociais para os mozos e mozas. Abríanse así as actividades do 25N, data na que se conmemora a eliminación da violencia contra as mulleres, organizada pola concellería de Igualdade e Servizos Sociais do concello á que agradecemos o convite.

 
   
 

Apertura do ciclo contandoCiencia

Este próximo xoves 16 de novembro dará comezo a 3ª edición do ciclo contandoCiencia. A charla inaugural, que leva por título "Do corazón da materia ao interior das estrelas", terá lugar ás 19:30 no salón de actos da casa da cultura de Fene e correrá a cargo do doutor en Física pola USC Héctor Álvarez Pol.

A carreira científica de Álvarez Pol ten relación coa análise de detectores de partículas e reaccións nucleares así como as súas dinámicas e o desenvolvemento de estruturas computacionais para a simulación e análise dos resultados destes experimentos.

Pódese consultar máis información nos seguintes enderezos.

ContandoCiencia

Fenecidadán

Unha noite na biblioteca

A noite do 27 de outubro o alumnado de 2º da ESO quedou a durmir na biblioteca do centro O Segrel do Penedo. Pasárono estupendamente pintando cabazas e monstros, desfilando nun concurso de disfraces e ata xogaron a verdade ou reto, xogo no que a rapazada mostrou unha grande valentía desenvolvendo os retos máis tenebrosos que poidades imaxinar. Despois de cear e xa máis entrada a madrugada contaron lendas e historias de medo e viron unha película espeluznante.

Unha noite inesquecible.

           

Participación en GaliciaSkills 2023

Os días 25, 26 e 27 de outubro tivo lugar en Silleda o evento GaliciaSkills 2023. Trátase dun campionato práctico no que alumnado de Formación Profesional de centros galegos de 24 modalidades mostran as súas destrezas e habilidades realizando diferentes probas. Os gañadores participarán no SpaisnSkills en Madrid en abril de 2024. O IES de Fene estivo representado polo alumno do ciclo dual de Instalacións de Calor, Abel Chao, titorizado pola profesora Inés Piñeiro. Abel alzouse coa medalla de prata na modalidade de Fontanaría e Calefacción.

Parabéns a ámbolos dous!!

             

Inicio do curso 2023-2024

 

As presentacións da ESO, bacharelato e CM ordinario e dual serán o luns día 11 de setembro, no seguinte horario

  • 10:30 h. ESO (1º e 2º ESO no salón de actos "Xaquín Marín", 3º e 4º irán directamente ás correspondentes aulas) e FP Básica (salón de actos edificio FP).
  • 12:00 h. Bacharelato (salón de actos "Xaquín Marín") e 1º CM (salón de actos edificio FP).
  • 12:30 h. 2º CM ordinario e dual (salón de actos de FP).

O martes 12 ás 16:15 h será a presentación e comezo das clases do CM modular no salón de actos de FP. 

Con motivo do inicio de curso desenvolveranse diferentes actividades; contaremos coa presenza de Uxía Doval, exalumna do IES de Fene e compoñente do grupo Xirifeiras, e desenvolveranse charlas a cargo de Pedro Cruzado, vicepresidente da asociación Betula, e do responsable da empresa Automoción Vilar do Colo, Francisco Fernández Mascaró, tamén exalumno do IES de Fene.

Ese día o transporte escolar (ESO)  deixará o alumnado no centro ás 10:30 h. e recollerao ás 12:00 h.

O martes día 12 de setembro comezarán as clases no horario habitual.

 

Gradación 2º de bacharelato

O pasado venres 19 de maio tivo lugar o acto de gradación do alumnado da promoción 2021-2023 de bacharelato, que rematou este ano a súa última etapa no IES de Fene.  Foi un acto moi emotivo no que participaron, ademais dos propios protagonistas, as familias, profesorado, dirección e concello coa presenza do alcalde Juventino Trigo. As intervencións dos delegados, titores, alcalde e director do centro estiveron cheos de risas, recordos e bos desexos para todo o alumnado e foron moi aplaudidas. Estas intervencións remataron coa lectura do poema inédito de María Lado “Graduación” a cargo de Sonia Gómez, titora de 2º de bacharelato A, co acompañamento musical de Sara, alumna do mesmo grupo. O acto finalizou coa entrega de orlas e recordos do seu paso polo centro.

A comunidade do IES de Fene deséxalles moita sorte nas probas de acceso á universidade, que se están a desenvolver estes días, así como na nova etapa que van a comezar.

 

 

Xornada de deporte adaptado no IES de Fene

Este pasado mércores 24 de maio, o departamento de Educación Física do IES de Fene desenvolveu co seu alumnado unha xornada de deporte adaptado. Nesta xornada participou o club de baloncesto en cadeira de rodas Abeconsa Basketmi de Ferrol, que veu ao centro co material necesario para a práctica deste deporte.. Contamos coa axuda dos deportistas do equipo que lles explicaron ao noso alumnado as regras e pequenas diferencias co baloncesto que se xoga de pé e xogaron xunto a eles. 

Foi unha xornada moi emocionante e didáctica na que o alumnado puido comprobar o que supón ese cambio de perspectiva.

Agradecemos ao equipo a sua disposición para que a rapazada puidera participar nesta actividade.

 

Actividades Letras Galegas 2023

Neste ano no que se homenaxea a figura de Francisco Fernández del Riego tivemos ocasión de colaborar con dúas das sociedades culturais do concello que nos invitaron a celebrar de forma conxunta esta data. O sábado 13 un grupo de rapaces e rapazas de 1º de bacharelato do noso centro acompañados polo seu profesor de Lingua e Literatura Galega e director do centro, Xoán Vázquez, fixeron unha presentación sobre a figura do autor homenaxeado. Na presentación, que leva por título "Fernández del Riego desde a perspectiva do alumnado do IES de Fene", móstrase un percorrido pola vida do escritor homenaxeado desde a súa infancia e mocidade, os seus anos universitarios, a participación forzosa na contenda civil ou a época como guionista da BBC ata a presidencia da Real Academia Galega. Durante a presentación tamén leron algunha das cartas que o autor intercambiou con Paz Andrade ou Cunqueiro así como un fragmento do libro de viaxes "Galicia".

O martes 16 pola tarde desenvolveuse esta actividade no CPS de San Valentín. O alumnado deu a coñecer a figura de Fernández del Riego a todos aqueles que se achegaron ata a sociedade cultural.

Tamén o martes pola tarde pero, nesta ocasión no noso centro, o alumnado de ESO participou nunha xornada lúdica e cultural para celebrar as nosas letras. Desenvolvéronse diversas actividades como unha xincana, proxección audiovisual, xogos de mesa e ata un minitorneo de baloncesto.

Podedes descargar algunha das actividades nos seguintes enlaces:

Xincana

As cousas de don Paco

Agradecemos á Liga de Amigos de Barallobre e ao CPS de San Valentín a súa invitación e desexamos que sexa a primeira de moitas outras colaboracións.

Imaxe de Galicia Aberta

Musiqueando 2023

O pasado xoves 27 de abril celebrouse en todo o país o festival Musiqueando. Esta iniciativa pretende dar visibilidade á música que se fai nas escolas e para iso o alumnado sae á rúa a tocar.

No caso do IES de Fene levamos xa bastantes anos participando nesta iniciativa da man da profesora Bárbara Mourelo e contando sempre coa colaboración do concello de Fene.

Este ano  o alumnado de 2º e 4º de ESO e 1º e 2º de bacharelato baixaron desde o instituto ata a praza do concello para mostrar aos veciños que se achegaron a velos ou que simplemente pasaban por alí, o que aprenden nas clases de Música.

Foi unha mañá marabillosa que encheu de ledicia o centro do concello de Fene.

Enlace á nova no xornal Diario de Ferrol

Celebración do Día da Natureza

Hoxe no IES de Fene celebramos o I Día da Natureza. Esta celebración parte da idea de crear unha zona axardinada con árbores froiteiras e ornamentais, na finca colindante co terreo do centro, propiedade do concello, e que xuntos formaban parte dos antigos terreos do Pazo de Barallobre. Contamos para isto coa colaboración do concello de Fene que nos facilitou as árbores e asesorou e axudou na plantación.

Nesta ocasión participou o alumnado de 1º e 2º de ESO plantando unha árbore por cada grupo, unha camelia xapónica "high fragans", unha cerdeira, unha guaiaba e un mandarino clementino, co compromiso de coidalas mentres estean estudando no centro. Aproveitaron a ocasión para ler poemas que teñen como tema a natureza e a continuación disfrutaron dun tempo de diversión participando en diversos xogos tradicionais como a petanca, mariola ou o brilé.

Tamén estiveron presentes na celebración un grupo de alumnos do CM de Soldadura e Caldeiraría que nunhas semanas participarán na XI edición de Hiperbaric Challenge

Recepción no concello de Fene aos Robots do Pazo

O pasado martes 28 de marzo o equipo participante na IX edición da First Lego League Galicia, "Os Robots do Pazo", forón recibidos polo alcalde e membros da corporación do concello de Fene nun recoñecemento ao traballo realizado e aos logros acadados, Premio Xunta de Galicia ao Proxecto Científico e Nomemento para o National Innovation Award. Xunto ao equipo estaba a súa adestradora, a profesora de Tecnoloxía Juana Polo, os profesores de Matemáticas Laura Vilariño e Raúl Veiga, representantes da dirección e as familias dos rapaces e rapazas que forman o equipo.

O alcalde mostrou o orgullo que sinte o Concello polos logros acadados e felicitou aos rapaces e á comunidade do IES de Fene polo traballo realizado.

Enlace á entrevista a Juana Polo na Fenestra de Radio Fene

Os Robots do Pazo gañan o Premio ao Proxecto de Innovación na FLL Galicia

O equipo "Os Robots do Pazo", formado por alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO do noso IES participou este sábado na First Lego League Galicia onde acadou o Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación e foi nomeado para o National Innovation Award.

Esta competición, organizada en Galicia pola UDC, celébrase todos os anos no Campus Industrial de Ferrol e ten como eixe a robótica, pero vai moito máis alá xa que ademais de construir un robot con pezas de Lego e programalo para que cumpla unha serie de misións, sempre lanza un desafío, este ano nomeado SuperPowered, sobre o que os participantes deben investigar e desenvolver unha solución innovadora. A proposta do equipo do IES de Fene foi unha terraza "ecofriendly" calefactada con chan radiante mediante placas fotovoltaicas e bomba de calor.

Ademais de todo o anterior tamén se poñen en xogo os valores de equipo, compañeirismo, respecto entre eles e cos demais equipos e, nesta ocasión, tamén os medioambientais. Neste aspecto o equipo quixo deixar moi claro que o desenvolvemento enerxético e tecnolóxico non pode levarse a cabo a calquera prezo e resaltou a importancia de ser respetuosos coa sociedade e o medioambiente.

Cabe destacar a magnífica defensa do proxecto que fixeron os participantes, motivo polo que foron felicitados polo tribunal.

Parabéns ás rapazas e rapaces do equipo polo gran traballo que realizaron desde outubro e ao profesorado polo seu compromiso e dedicación.

Imaxe dos Robots do Pazo. Cedida por Inés Piñeiro

Enlace á noticia en La Voz de Galicia

Entroido 2023

O pasado 17 de febreiro celebramos o Entroido no IES de Fene. Despois de tres anos sen unha celebración como era costume, este ano por fin puidemos retomar actividades como o concurso de sobremesas de entroido, organizado polo EDLG, e o concurso de disfraces e comparsas. Ademais ao longo da mañá desenvolvéronse outras actividades como unha feira con diversos xogos, organizado polo alumnado de Música de 1º e 2º de bacharelato, obradoiro de pulseiras e o 1º torneo de Entroido de fútbol entre alumnado de bacharelato e FP.

Esperamos que disfrutárades da xornada.

 
 

Imaxes do concurso de comparsas. Cedidas por Eva Rodríguez

O alumnado de Francés deséxavos bo Nadal

O alumnado de Francés do IES de Fene quere desexar a tod@s un bo Nadal e un feliz ano 2023.

Distribuir contido