Actividades dos cursos 2007-2009
As derradeiras actividades do curso pasado: Visita ás illas Cíes
Visita ás fragas do Eume
Estamos a carón do parque natural das Fragas do Eume e non podía faltar unha excursión organizada polo departamento de Ciencias Naturais. Foi unha ruta chula cun final duro. Pero serviu para distinguir o bosque de ribeira, a fraga, a braña e os inevitables eucaliptais. Empezamos cunha visita ao centro de interpretación que está na parroquia de Ombre, seguimos a pé cun monitor pola beira do río até Caaveiro. Alí xantamos e tivemos unha visita guiada. Foi unha parada obrigada antes de emprender a dura subida polo antigo camiño de Caaveiro. Ao final quedaron forzas para uns refrescos e uns xeados en As Neves. Un día completo.
Acceder á galería de fotos
III Concurso de postres do Entroido
Xa está aquí o entroido, outro ano máis celebramos esta tradicional festa na que as rúas se enchen de máscaras e as nosas mesas de apetitosos manxares e larpeiradas.
Os Equipos de Normalización Lingüística e da Biblioteca do IES de Fene convocan novamente este concurso de postres de Entroido que se rexerá polas seguintes
RESULTADOS DO CONCURSO:
Houbo nesta edición 16 participantes, repartíndose os premios do seguinte xeito:
1º premio: Araceli García, 1º Bach C
2º Premio: Yolanda Doce, 1º ESO
3º Premio: Sandra García, 1º ESO
4º Concurso Cartas de Amor “IES de Fene”
O pasado 14 de febreiro foi o día de San Valentín e no IES de Fene, como en anos anteriores celebrouse un concurso de cartas de amor no que houbo numerosos participantes tanto por parte de rapazas como de rapaces. Foi organizado polos equipos da Biblioteca e de Normalización Lingüística do IES de Fene entre todolos membros da comunidade escolar do centro
Bases do 4º Concurso de Cartas de Amor “IES de Fene”
Os Equipos da Biblioteca e de Normalización Lingüística do IES de Fene organizan un concurso de cartas de amor entre os membros da Comunidade Escolar do Centro, que se rexirá polas seguintes BASES:
-Cada participante pode escribir cantas cartas desexe.
-Para poder ser admitido/a no concurso, os escritos deberán estar escritos en Lingua Galega e ser respectuosos cos demais. En caso contrario será anulada a súa participación.
-Non hai límite na extensión da carta, aínda que se aconsella que non pase dun folio.
-A carta pode ser anónima ou ir asinada polo autor ou autora.
-Cada un dos escritos terá que ir dentro dun sobre no que conste a quen vai dirixido.
-Os escritos deberán introducirse nos buzóns que se colocarán para este concurso antes do día 12 de febreiro.
-O premio, ou premios, recaerán nas respectivas namoradas ou namorados dos autores premiados/as.
-O xurado será designado polos organizadores deste concurso e o seu fallo será inapelable.
-A participación no concurso supón a aceptación destas bases.
Paraísos Naturais
Emilio Varela, periodista e naturalista galego, volveu ao noso centro nas vésperas do Nadal para impartir a actividade “Paraísos naturais”. Cunha amena exposición levounos polos Alpes, o Himalaia, a Amazonía, a Patagonia e a Antártida para finalizar recordándonos que aquí, moi preto, hai verdadeiros paraísos que nos agardan.
Como en todas as súas charlas, Emilio insistiu no necesario que é manter viva a curiosidade e que só temos este planeta para vivir
Viaxe a Italia
O pasado mes de decembro, un grupo de alumnas e alumnos e 2 profesores viaxaron a Venecia, viaxe que forma parte do intercambio que se está a levar a cabo entre un colexio de Venecia, outro de Holanda, outro da Illa de Reunión e o IES de Fene. Nesta galería están algunhas das fotos que tomadas nesa viaxe
Conferencia de Nanotecnoloxía
O xoves 29 de xaneiro á 12:30 tivo lugar no salón de actos do instituto unha conferencia acerca de Nanotecnoloxía a cargo de D. Arturo López Quintela, catedrático de Química Física da Universidade se Santiago de Compostela, e director do grupo de investigación de nanotecnoloxía e magnetismo NANOMAG.
A conferencia estivo dirixida ao alumnado de bacharelato deste centro e foi organizada polos departamentos de Física e Química e Ciencias Naturais
1ºConcurso HISTORIAS CON MOITO CONTO
O Equipo de Normalización Lingüística do IES de Fene organiza este primeiro concurso que se rexerá polas seguintes
BASES
1-Poderá participar todo o alumnado deste centro.
2-As historias estarán relacionadas co outono (os magostos, a caída das follas...) e, contadas oralmente, non poderán durar moito máis alá de quince minutos.
3-Os traballos entregaranse ao profesorado de Lingua Galega e serán elaborados de forma individual. Deberán ir acompañados dun sobre pechado que será o único lugar no que constarán os dados identificativos dos/as autores do traballo.
4-Dos traballos entregados farase unha escolma cos mellores, e esa selección terá que ser contada oralmente polos seus autores ao resto do alumnado.
5-O Xurado estará composto por unha comisión nomeada polo ENL que dictaminará sobre o mesmo de xeito inapelable, podendo declarar os premios desertos.
6-Os traballos premiados quedarán en posesión deste colectivo que poderá utilizalos cando e como quixer.
7-Establécese 1 premio por cada unha das categorías seguintes:
- ESO e PCPI.
- Bacharelato e adultos.
8-Os premios estableceranse a posteriori en función dos presupostos do Centro.
9-O prazo para entregar os traballos ao Xurado remata o venres día 21 de novembro. O resultado darase a coñecer persoalmente aos premiados e nos taboleiros do Centro.
10-Cos traballos escollidos poderá facerse unha exposición pública.
11-A participación no concurso supón a aceptación destas bases.
VIVE, en defensa do monte galego
Once rapaces e rapazas do noso instituto participaron no programa VIVE EN DEFENSA DO MONTE GALEGO. A proba de como o pasaron tédela nestas fotos. Na actualidade estes estudantes dedícanse a espertar a envexa do resto do alumnado.
Viaxe a Italia, Xaneiro de 2008
O dia 28 de Xaneiro de 2008 saímos ás catro da maña da Praza do Concello de Fene encamiñándonos cara ao aeroporto da Coruña.Ás 6 collimos o voo que nos levaría ata Madrid, onde estivemos unha hora esperando ata coller o voo que nos levara a Roma. Nada máis chegar ao aeroporto colleunos un autobús que nos levou ata o hotel. Desde que chegamos tivemos tempo libre para xantar e coñecer os arredores do hotel. Foi a primeira impresión de Roma. Pola tarde visitamos Barberini, onde atopamos, para a nosa sorpresa,un personaxe moi peculiar, probablemente con algun problema psicolóxico. Despois, visitamos a Piazza di Spagna e a Fontana di Trevi, onde nos sacamos moitas fotos. Foi unha tarde agotadora, xa que estábamos moi cansos da viaxe e tivemos que andar moitos km. Os seguintes días, agás o venres, foron todos de visita a lugares moi emblemáticos, como o Coliseo, o Vaticano e unha viaxe a Florencia en tren onde vimos outra cidade distinta no país que visitamos, Italia. Todos estes días xantamos e ceamos en restaurantes típicos da zona, xeralmente pasta e pizza. O venres, tivemos a maña libre para mercar agasallos para a familia e amigos. Despois, ás catro e media recolleunos no hotel o autobús que nos levou ata o aeroporto para emprender a viaxe de volta. Á 1 e media da noite chegamos á Praza do Concello de Fene, poñendo fin a esta marabillosa excursión.