CONCURSO DE RELATOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO “DOULLE VOZ ÁS SILENCIADAS”
Trinta e sete mulleres foron asasinadas no que vai de ano polas súas parellas ou exparellas. As noticias ás veces dinnos o seu nome, ás veces non; pasan a ser un número máis, unha vítima sen rostro, sen vida. Nos nosos relatos imos honrar estas mulleres, facéndoas visibles, lembrando que tiñan persoas queridas, ilusións, desexos, preocupacións, familia..., lembrando que tiñan rostro e que estaban vivas.
Para crear o noso relato, lemos o texto coas breves noticias sobre os asasinatos de todas esas mulleres e escollemos unha delas para sermos a súa voz. Destacamos o seu nome, ou se non aparece, poñémoslle nós un nome, que será o título do relato. Logo contamos quen era, que lle gustaba, que facía, a quen amaba. Imaxinamos a súa historia, imaxinámola viva. E falamos por ela, en primeira persoa ou acompañándoa como unha voz amiga.
O relato terá un mínimo de 200 palabras e un máximo de 300. Presentarase nun documento de texto (word, pdf, odt...) e enviarase ao correo equipoedlproval@gmail.com Data límite de envío: 30 de novembro.
O concurso está dirixido a todo o alumnado e divídese en dúas categorías: A: 1º, 2º e 3º de ESO e 1º FPB / B: 4º de ESO, 2º FPB, bacharelato, ESA e ciclos.
Haberá tres premios por cada categoría: 1º premio: 15€ /2º premio: 10€ /3º premio: 5€ Os premios entregaranse en vales para consumir na cafetaría do instituto.
Organiza: Departamento de galego, Equipo de Dinamización da Lingua Galega e Equipo de Igualdade