Selo de calidade eTwinning
para Pablo Cobas
Que ninguén se sorprenda: de cando en vez chegan boas novas. Desta vez veulle un premio europeo ao noso excompañeiro e sempre amigo Pablo Cobas polo proxecto E-Twinning que desenvolveu o curso pasado. O seu excelente labor no deseño, desenvolvemento e posta en práctica do seu proxecto educativo titulado "O Camiño de Santiago: O camiño da tolerancia", fíxolle merecedor do Selo de Calidade eTwinning en recoñecemento á excelencia educativa. Desde o IES Plurilingüe Elviña sentímonos moi felices de compartir con toda a comunidade educativa o galardón recibido por Pablo.
Como a filosofía dos proxectos eTwinning é a colaboración intercentros dentro da Unión Europea, o noso instituto aproveitou para facer as migas co IES Virxe do Mar de Noia, coa Escola Secondária Eça de Queirós de Varzim (Portugal), co IES León Felipe de Benavente, co Collège Robert Doisneau de Dammarie-lles-lys (Francia), co Collège Marcel Pagnol de Montpellier (Francia) e co Instituto Gustawa Morcinka de Tychy (Polonia). Boa mostra do interese alcanzado polo proxecto, e exemplo do esforzo na pescuda do noso obxectivo de colaborar coa comunidade educativa europea e de internacionalizar o labor de ensino no centro.
O proxecto desenvolveuse no IES Elviña na segunda parte do curso 20-21 durante varias semanas, e supuxo para todos nós un punto de partida no noso propósito de sacar progresivamente o ensino das aulas e de derrubar todo muro.
Este ano Pablo desenvolve o seu labor profesional noutro centro (e que sorte teñen!), pero atopou un espazo na súa apretada axenda para facernos unha visita. Foi o 24 de marzo de 2022, que aproveitou para repartir entre o alumnado de 4º de ESO, que o ano pasado cursou 3º e que participou no proxecto, unha serie de agasallos remitidos polo servizo nacional de eTwinning (unhas prácticas bolsas ecolóxicas de tea e unhas caixiñas portamáscaras). Unha alegría para todos a súa presenza outra vez connosco, aínda que fose só por unha breve xornada.
Parabéns, Pablo, e unha forte aperta
desde a IES Elviña!