Skip to Content

UNHA DE PREMIOS

UN PREMIO DO CONCURSO DE DEBUXO PICASSO CORUÑÉS PARA UNHA ALUMNA DO IES ELVIÑA

     Co aquel do coronavirus, ben parece que non hai máis noticias que as tristes ou as institucionais. Se cadra, en tempo futuro, cando poidamos botar a vista atrás para recoller a sembra destes tempos de enfermidade e prudencia sanitaria, atoparemos que este paréntese tivo a virtude de nos facer máis conscientes, máis solidarios e fortes. Mentres esperamos eses tempos, chega unha fermosa noticia para o noso centro, unha celebración, cando tan faltos estamos de motivos para a festa: unha das nosas alumnas de 1º de Bacharelato -facendo honor ao centro, crítica, intelixente e talentosa-, Paula Salgado Torres obtivo o Premio José Luis Bugallal Marchesi á mellor ilustración, dentro do VI Concurso de Debuxo Picasso Coruñés que todos os anos se celebra na nosa cidade organizado pola Asociación de Prensa de A Coruña en colaboración con varias institucións locais, autonómicas e internacionais.

     A temática escollida pola xenial creadora foi a loita contra o racismo, de tan triste actualidade polos recentes feitos nos Estados Unidos de América. O seu traballo sobresaliu entre os moitos presentados ao concurso procedentes de toda a Galicia. Parabéns polo seu premio á nosa benquerida Paula, promuller da cultura galega. Todos os que a coñecemos sabemos que o merece e compartimos o seu orgullo e a súa alegría. Facemos extensible a nosa felicitación á súa familia, na que, xa se nota, agroma a calidade por arrobas.

Foto2Foto 1
A xoven gañadora recolle o seu premioO debuxo gañador

Velaquí, para deleite de propios e extraños, a nota de prensa do evento:

Nota de prensa


page | by Dr. Radut