MANIFESTO LEIDO POLO ALUMNADO O 24 DE NOVEMBRO
Carolina, de Madrid. Belén, de Ciudad Real. Eva María, de Cádiz. Hayate, de Tenerife. Natalia, de Marbella. Elisabeth, de Lleida. Paloma é a súa filla India, de Valladolid. Caterina, de Cádiz… E así ata 52 mulleres ás que lles quitaron ás súas vidas e, incluso, os seus nomes, para converterse só en cifras. Algunhas denunciaran antes ao seu agresor, outras non puideron facelo.
De xaneiro a novembro de 2023 xa foron asasinadas máis mulleres por violencia de xénero que en todo 2022. Parece que este ano será recordado coma un dos peores no que á violencia contra as mulleres se refire. Non é casualidade que isto ocorra ao mesmo tempo que os discursos negacionistas están a aumentar e a normalizarse. E nisto nós, os mozos e mozas, temos moito que dicir.
Porque a violencia de xénero non empeza nin acaba cun asasinato. Debemos ser capaces de recoñecer o maltrato físico e psicolóxico, e de denuncialo. Se che controla o móbil ou as redes sociais, se che di como debes vestir, se che prohíbe quedar cos teus amigos… iso é maltrato. Se doe, non é amor.
Todas xuntas debemos ser capaces de dicir basta: queremos camiñar pola rúa sen medo a que nos fagan dano; queremos vestir como nos dea a gana, sen que nos xulguen; queremos que, se hai unha violación, a culpa sexa do violador e non da súa víctima.
Nesta loita as mulleres precisamos o apoio dos homes, para construír unha sociedade onde haxa igualdade e respecto. Porén, unha de cada catro persoas da nosa idade nega que exista a violencia de xénero, repetindo os discursos que a cotío oímos nas redes sociais.
E ti, que estás agora escoitándonos, que queres facer? Queres ser parte do problema ou parte da solución? Precisamos un cambio social baseado na educación e precisámosvos a todos e todas vós. O IES Canido di NON Á VIOLENCIA DE XENERO!