Prezadas familias:
Ante as informacións que están chegando polos distintos medios de comunicación, queremos comunicarvos a situación actual do noso centro.
En xullo, a Consellería de Educación remitiu un protocolo no que a distancia interpersoal era dun metro. Fixemos as correspondentes medicións e adaptamos as aulas. Nese momento o noso obxectivo principal era implementar un programa de apoios dentro da aula para axudarmos o alumnado que presentase maiores dificultades ou atrasos por mor dos meses de confinamento.
O 31 de agosto, despois da reunión co Ministerio de Educación, a Consellería cambiou o seu protocolo pasando a distancia interpersoal a 1,5 metros. Para podermos cumprir co novo protocolo debíamos desdobrar todos os grupos e, para iso, precisábamos de dous profesores máis dos que somos actualmente. Todo o persoal do centro, tanto docente como non docente, traballou sen parar para poñer a punto as aulas e desta forma podermos garantir a maior seguridade posíbel así como a mellor calidade educativa. Aseguráronnos que nos serían concedidos os dous docentes que necesitábamos, polo que todo estaba listo para comezar o 16 de setembro tal e como estaba previsto nun primeiro momento.
O 11 de setembro infórmannos de que a Consellería volve a cambiar de opinión. Non nos van conceder os dous profesores necesarios para facer desdobres. Se non podemos garantir a distancia interpersoal de 1,5 metros, teremos que mercar pantallas que separen o alumnado.
Non hai elección posíbel. Non hai profesorado extra. Non hai apoios dentro da aula.
Sen instrucións publicadas oficialmente na páxina da Consellería, comezamos a traballar de novo coas informacións que nos chegan desde os medios de comunicación aínda que sabemos que non contan toda a verdade.
Por último, o 16 de setembro temos a confirmación de que, a diferencia doutros centros, non nos conceden máis persoal docente. Isto supón que non será posíbel desdobrar os grupos de Bacharelato e, polo tanto, non se poderá manter a distancia interpersoal de 1,5 metros e deberán comezar en modo semipresencial ata a instalación completa das pantallas protectoras necesarias.
Non haberá os apoios dentro da aula que serían desexables nin o número óptimo de profesorado de garda.
Desde o claustro do IES Canido queremos transmitir a toda a comunidade educativa que, a pesar de todo, desexamos reencontrarnos co noso alumnado porque ter os rapaces nas aulas é o único que nestes momentos nos dá os folgos para continuarmos e a motivación necesaria para lembrarmos que nos gusta a nosa profesión e que os rapaces son o único importante.
Un saúdo.