Sesións formativas curso 2018-19. O novo alumnado coñece a biblioteca do centro

header

Un ano máis, a biblioteca escolar Roberto Vidal Bolaño do IES de Brión convidou ao novo alumnado de 1º da ESO a coñecer a biblioteca do centro a través dunhas sesións informativas co fin de divulgar os servizos que ofrece a biblioteca a toda a comunidade educativa.

As visitas á biblioteca conduciron aos estudantes ata un espazo que quere converterse nun centro de recursos para o correcto desenvolvemento do traballo académico e tamén para o tempo de lecer, a través do libro, a lectura e as novas tecnoloxías da información e a comunicación.

As charlas celebráronse no mes de decembro. Cada sesión prolongouse durante aproximadamente 50 min.; nelas, informouse aos novos usuarios e novas usuarias da situación da biblioteca no centro, dos materiais dos que dispón e a súa organización, do sistema de clasificación e ordenación empregado, do acceso aos catálogos (OPAC) e dos servizos que ofrece (sala, préstamo a domicilio, acceso á internet, libros en formato dixital, etc.).

O alumnado tamén coñeceu un pouco de historia do libro e das bibliotecas, a súa función na sociedade e a evolución destas cara un novo concepto: o de mediatecas; centros de recursos para a formación e a información e o aproveitamento do tempo de lecer, onde os novos soportes e medios de transmisión da información están casa día máis presentes.

O equipo de bibliotecas do centro foi o encargado de coordinar as visitas, que contaron coa colaboración do resto de docentes e dun técnico de biblioteconomía. Unhas sesións que ao longo do curso se complementarán con outras actividades de formación de usuarios.