Sesións formativas para os novos usuarios da biblioteca. Curso 2015-16

A biblioteca escolar Roberto Vidal Bolaño recibiu un ano máis as visitas de todos os alumnos e alumnas de 1º da ESO co fin de divulgar entre o novo alumnado os servizos que ofrece a biblioteca a toda a comunidade educativa.

As visitas conducen aos estudantes ata un espazo que busca converterse nun centro de recursos para o correcto desenvolvemento do traballo académico e tamén para o tempo de lecer, a través do libro, a lectura e as novas tecnoloxías da información e a comunicación.

As charlas, que este ano se celebraron na última semana de novembro, mostraron aos novos usuarios a situación da biblioteca no centro, os materiais dos que dispón e a súa organización, o sistema de clasificación e ordenación empregado, o acceso aos catálogos (OPAC) e os servizos que ofrece (sala, empréstito a domicilio, acceso á internet, libros en formato dixital, etc.). A dispoñibilidade na sala de medios audiovisuais permitiu que os alumnos coñeceran as páxinas web da biblioteca (incluída no portal web do centro) e do club de lectura Raíña Lupa.

Os alumnos tamén aprenderon un pouco de historia do libro e das bibliotecas, a súa función na sociedade e a evolución destas cara un novo concepto: o de mediatecas; centros de recursos para a formación e a información e o aproveitamento do tempo de lecer, onde os novos soportes e medios de transmisión da información están casa día máis presentes.

O equipo de bibliotecas do centro foi o encargado de coordinar as visitas, que contaron coa colaboración do resto de docentes e dun técnico de biblioteconomía. Unhas sesións que ao longo do curso se complementarán con outras actividades de formación de usuarios.