Os alumnos de 1º da ESO visitan a biblioteca

Visita a biblioteca alumnos 1º da ESO Visita a biblioteca alumnos 1º da ESO
 

Un ano máis, os alumnos de 1º da ESO do instituto tiveron a oportunidade de coñecer a biblioteca escolar de primeira man, grazas ás visitas guiadas que cada inicio de curso se organizan co fin de divulgar entre o novo alumnado os servizos que ofrece a biblioteca do centro.

Unhas visitas que conducen aos estudantes ata un espazo de referencia que busca converterse en centro de recursos para o correcto desenvolvemento do traballo académico e para o tempo de lecer. Un lugar onde a comunidade educativa pode acceder á información a través do libro e os novos soportes que a era dixital nos ofrece.

As charlas pretenden que os novos alumnos e alumnas se familiaricen coa situación da biblioteca, os materiais dos que dispón e a súa organización espacial, o sistema de clasificación e ordenación, os servizos que ofrece (sala, empréstito a domicilio, acceso a internet, mediateca, etc.).

Na sesión tamén se falou sobre a función das bibliotecas na sociedade, da evolución destas cara a un novo concepto: o de mediatecas, centros de recursos para a formación, a información e o tempo de lecer, onde os novos soportes e medios de transmisión da cultura e do coñecemento están cada día máis presentes.

As charlas, duns cincuenta minutos de duración, foron coordinadas dende o equipo de biblioteca, contando coa colaboración do resto de profesores e do técnico en biblioteconomía que colabora co centro. A dispoñibilidade na sala de medios audiovisuais permitiu que os alumnos se familirizaran coas páxinas web da biblioteca (incluída no portal web do centro) e do club de lectura Raíña Lupa.