COMUNICADO DO CLAUSTRO SOBRE A SITUACIÓN DO CENTRO NO INICIO DE CURSO

O claustro de profesores/as do IES de BRIÓN, reunido en sesión extraordinaria o día 15 de setembro de 2010 acordou, por unanimidade, manifestar a súa máis enérxica protesta pola redución de profesorado que se pretende levar a cabo para o curso 2010-2011. Esta decisión bota abaixo o proxecto educativo que se ven a desenvolver no centro e vai redundar nunha clara merma da calidade educativa da que como profesionais sairemos, evidentemente, prexudicados, pero da que será vítima, sobre todo, o alumnado creándose unha situación que nos parece alarmante. Deste xeito:

-Haberá grupos de arredor de 30 alumnos/as de ESO que farán imposible unha mínima atención á diversidade e incluso haberá serias dificultades para acomodalos na aula ante a falta de espazo físico na maior parte delas.

-Esta nova distribución por grupos fará imposible a atención ao alumnado nas gardas, recreos, titorías, actividades complementarias, etc.

-Preténdese que gran parte do profesorado asuma a docencia de materias “supostamente” afíns: profesores/as de Inglés dando Lingua Castelá, de Ciencias da Natureza dando Educación Plástica, de Educación Física dando tamén Educación Plástica, de Francés dando Cultura clásica e de Economía dando Bioloxía e Xeoloxía.


Así mesmo, queremos manifestar o noso apoio ás xestións levadas a cabo polos membros do equipo directivo que, ao non ser tidas en consideración as súas argumentacións, presentou a súa dimisión, aumentando con isto a situación de incerteza fronte ao curso que comeza.

Brión, 16 de setembro de 2010

O Claustro de Profesores/as do IES de Brión