O pasado venres 15 de novembro o alumnado de 4° tivemos a oportunidade de ir ao teatro e ver #Camiños, unha produción de ButacaZero. Esta retrata a Galicia no século XXI, o cal fai de xeito moi contemporáneo; pois a secuencia de escenas entrelazadas, con música actual e elementos audiovisuais dánlle á trama un toque moi "millenial" que se adapta perfectamente a nós, a mocidade. A obra toca moitos temas que ben só @s galeg@s entendemos, moitos relacionados co que estamos vendo na materia de Lingua Galega, entre eles a emigración ou a vida no rural no século XX. E é que non podemos falar de Galicia na actualidade sen falar dela no pasado, de como foi cambiando a situación, e como as veces non cambia. Mais a obra non se queda só con esa parte enxebre, tamén mostra unha Galicia globalizada e a súa parte urbana actual. Todo isto, repito, de forma moi dinámica e mesturada cunha arte moi coidada e detallada. Ao final da obra as actrices e o director déronos pé para debater un chisco sobre o que acababamos de ver. Isto fíxonos reflexionar sobre a cultura galega, decatándonos de que vai máis alá do polbo á feira, a muiñeira e o churrasco. Está claro que si que forman parte da nosa cultura, e encántannos, mais tamén temos milleiros de artistas (escritores/as, actrices/actores, músicos...) Entre eles, as actrices da obra, que nos deixaron abraiados coa súa voz, expresión corporal e capacidade de emocionarnos. Temos milleiros de artistas, e dos que sentirnos orgullosos; pois se nós non nos valoramos, quen o vai facer? Outra conclusión á que chegamos é que a maioría deles non chegan ao gran público e a que, en parte, isto está baixo a nosa responsabilidade. Somos nós os que debemos preocuparnos e sensibilizarnos pola Galicia que queremos deixar aos que cheguen. Quedamos marabillados coa obra, algúns ata nos imos descargar o rap coa letra de Rosalía para poñelo de festa. Con isto, teño que dicir que hoxe demostrouse unha vez máis que se pode aprender de moitas formas, e a cultura ocupa unha parte moi grande da educación, así que moitas grazas por organizar actividades coma esta, (sen ánimo de facer a pelota) xa que quedamos realmente encantados.
Velaquí vos deixamos as fotos desta experiencia única
RITA SÁNCHEZ DOSIL