No presente curso 2022/23 o profesorado e alumnado do Equipo de Apoio LGBTIQ realizamos unha enquisa co obxectivo de coñecer a situación do alumnado que pertence ao colectivo. A participación foi do 82% da comunidade. Tendo con conta os resultados, puidemos extraer varias conclusións.
O 22,6% do alumnado declárase LGBTIQ. Isto quere dicir que das/os 398 alumnas/os, entre 80 e 90 alumnas/os son gays, lésbicas, bisexuais, trans ou queer; o que dá unha media algo superior a cinco por aula. Porén, unicamente o 17% declara ser completamente visible. Só 14 ou 15 alumnas/os falan abertamente da súa identidade con normalidade co resto dos seus iguais.
Se procuramos as causas desta falta de visibilidade, podemos encontralas tamén na enquisa, pois o 36,5% do alumnado afirma que o noso instituto non é un espazo seguro para as persoas LGBTIQ. Un 32% afirma que presenciaron agresións verbais ou situacións discriminatorias a persoas do colectivo, porcentaxe que ascende a máis do 45% se a pregunta é se souberon delas indirectamente.
Estas situacións discriminatorias non chegan aos ouvidos do profesorado, orientación e familias, xa que o 45,5% das persoas LGBTIQ que as sufriron non llo comunicaron a ninguén. En moitos casos non se comunican porque asumir que se están metendo contigo pola túa identidade de xénero ou a túa orientación sexual implica asumir a realidade de pertenza ao colectivo. O alumnado da educación secundaria aínda non está, en moitos casos, preparado para dar ese paso.
Se tentamos ver como se pode materializar esta discriminación nas aulas, podemos obter da enquisa algunha resposta. Se unha persoa se declara LGBTIQ, o 12% do alumnado di que se sentiría incómodo, e incluso o 4,6% afirma que tentaría cambiarse de sitio. Traducindo as porcentaxes en persoas: 66 alumnas/os actuarían deste xeito, algo máis de catro rapazas/es por grupo.
Para combater os prexuízos aínda existentes o alumnado reclama formación. O 90% afirma ter recibido nos últimos anos formación en diversidade no IES A Cachada, algo positivo, xa que o 83%espera recibir esta formación fundamentalmente do instituto. A nosa responsabilidade acentúase se temos en conta como aínda a maioría do noso alumnado non fala de cuestións afectivo-sexuais coas súas familias (51,2%).
Tamén é fundamental a visibilidade. Neste curso puxemos a andar o Equipo de Apoio LGBTIQ e a Titoría LGBTIQ. Con reunións semanais e máis de vinte rapazas/es participantes dos catro niveis educativos, é unha ferramenta que o 78% do alumnado considera útil. Necesitamos, ademais, que o alumnado teña referentes LGBTIQ dentro da comunidade educativa, algo que o 38,7% do alumnado valora moipositivamente. Apenas un 6% considera que a visibilidade sexa negativa.
En definitiva, mesmo con todos os avances realizados nos últimos anos, queda moito camiño por percorrer. Debemos continuar a traballar tendo como obxectivo principal a visibilidade das persoas LGBTIQ, tanto a través de actividades formativas con apoio externo, festexando efemérides e datas sinaladas, como tamén dentro de cada un dos curriculuns das materias. A visibilidade é a ferramenta esencial para que o noso alumnado poida vivir con liberdade a súa identidade, sen sufrir situacións de discriminación, aínda vixentes no ano 2023.