EL LÁPIZ MÁGICO DE MALALA

Durante os meses de marzo e abril os alumn@s de Educación Primaria de San Cristovo traballaron o conto de El lápiz mágico de Malala. O conto relata parte da vida de Malala Yousafzai e de como foi a súa infancia crecendo nun lugar destrozado pola guerra. Malala recibiu o Premio Nobel da Paz en 2014, pero segue loitando polos dereitos dos nenos e nenas.

A historia cóntanos que Malala cando era nena desexaba ter un lapis máxico para con el debuxar cousas que logo se fixeran reais. Decidiu converter aquel lapis máxico co que soñaba de nena nun lapis de verdade. Con el escribiría sobre os desafíos que ía atopando: homes armados que pecharon as escolas privadas e prohibiron ás nenas asistir a clase.

Con este libro aprendemos que hai outros lugares no mundo, diferentes ó noso. Nalgúns deses lugares os nenos e as nenas non son iguais, e ir á escola é un privilexio.  Deste xeito intentamos inculcar que un mundo mellor é posible evitando as diferenzas e fomentando a igualdade de oportunidades.