Campionato Galego de Marcha en Ruta. Marín

Marcos Burgo prata. Mario Campos bronce

Felipe Barata

O pasado 15 de febreiro disputábase o Campionato Galego de Marcha en Ruta, onde o club desprazaba ata 6 atletas á vila de Marín (Pontevedra). Conseguíanse un total de 2 podiums e unha clasificación para a selección galega de marcha.

Así, Marcos Burgo conquistaba unha nova medalla de prata na proba dos 3 km marcha infanitl, repetindo o posto logrado esta tempada no gallego de inverno en pista. Pola súa parte, Mario Campos debutaba nun pódium autonómico, ó ser medalla de bronce na proba dos 2 km marcha benxamín.

Polo que respecta as nenas da categoría infantil, gran actuación de todas elas, logrando, ó igual que no galego de pista, o cuarto, quinto e sexto posto. Vanesa Blanco finalizaba no cuarto posto con 17.09, o mismo crono que Noelia Sánchez, que entraba na quinta praza. Nerea Lage, con 18.30 era a sexta no galego. Todas elas lograban a súa MMP.

E por último, gran actuación do debutante Miguel Sánchez, que na proba dos 5 km cadete lograba unha meritoria cuarta praza cun  crono de 31.12 minutos, o que lle daba o pase á selección galega de marcha, que competirá o vindeiro 1 de Marzo en Jumilla (Murcia).

Campionato Galego Cadete e Infantil de Pista Cuberta. A Coruña

Adrián Lage campión nos 3.000 metros. María Carballido bronce.

Felipe Barata

CAMPIONATO GALEGO INFANTIL DE PISTA CUBERTA. A CORUÑA

O pasado sábado 14 de febreiro disputouse na Coruña o Campionato Galego de Pista Cuberta para as categorías benxamín, alevín e infantil, contando coa presenza de 4 atletas da categoría infantil do noso club. 

A primeira en entrar en acción foi a lanzadora Andrea Iglesias, que acusaba os nervios do seu debut nun evento destas características. Non obstante, Andrea finalizaba na oitava posición no concurso de lanzamento de peso, cunha mellor marca de 7.37 metros.

Idéntica posición para Vanesa Blanco no concurso de triplo salto. Despois dun comezo errático, lograba finalizar cunha mellor marca persoal de 8.25 metros.

Por último, Cristian Santos acariciaba de novo o pódium nunha proba autonómica ó lograr o cuarto posto na proba dos 2.000 metros lisos, rematando cun crono de 6.54 minutos.

CAMPIONATO GALEGO CADETE DE 1.000 METROS E 3.000 METROS DE PISTA CUBERTA. A CORUÑA

Conxuntamente con este campionato, tamén se disputaba o Campionato Galego Cadete de 1.000 metros e 3.000 metros en pista cuberta, e onde o club tiña representación a través de dous atletas.

Así, Adrián Lage lograba proclamarse campión galego da distancia dos 3.000 metros, finalizando a proba cun crono de 10.01 minutos. Este é o seu segundo título autonómico da temporada, despois do logrado no galego de cross.

Pola súa parte, María Carballido lograba a medalla de bronce na proba dos 3.000 metros lisos, entrando nun apertado sprint coa atleta do Ourense Atletismo, Iztiar Manso, o que lle daba á nosa atleta a primeira medalla nun evento oficial autonómico. María paraba o crono en 11.30 minutos. Tanto Adrián como María lograban tamén a súa MMP na distancia.

Día branco no cole

Este é o aspecto que presentaba o noso colexio hoxe, 4 de febreiro, ás 12 do mediodía.

Celebramos o Día da Paz 2015

Como cada ano, no CPI Dr. López Suárez celebramos o Día Escolar da Paz e da Non Violencia. O alumnado de Infantil e Primaria elaborou murais alusivos, e unha pomba concentrou nas súas plumas as mensaxes de paz de todos os alumnos e alumnas do centro. No día do acto, presentado por María e Víctor, e celebrado no pavillón deportivo polas inclemencias climatolóxicas, representouse o signo da paz con ramas de loureiro, representantes dos cursos de Primaria e Secundaria leron as súas frases preparadas para a ocasión e, finalmente, todos xuntos cantamos e bailamos Una sola voz de Macaco.

Na presentación de arriba ofrécese un resumo.

Obradoido de Informática

Dentro do programa Innóvate 2 da Deputación Provincial, Adrián Tella impartiu un obradoiro de Informática entre o 12 de xaneiro e o 2 de febreiro destinado ó alumnado de 3º e 4º de ESO, que participou con interese en tódalas actividades programadas.

Os contidos do obradoiro foron:  

  • Optimización de buscas por Internet, onde se deron pautas para optimizar os resultados cando se realizan buscas por Internet, así como as webs básicas que se deben coñecer.
  • Ofimática 2.0, onde se explicaron o concepto e uso de ferramentas ofimáticas online para a edición de texto, folla de cálculo ou presentacións.

Campionato Provincial Escolar de Campo a Través. Vilalba

Adrián gaña. María e Cristian, terceira e segundo. Ouro para o equipo cadete masculino. Pratas para os equipos infantís masculino e feminino

 Felipe Barata

Este domingo, un de febreiro, disputouse en Vilalba o Campionato Provincial Escolar de Campo a Través, organizado conxuntamente pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Delegación Lucense de Atletismo. Tomaron parte nesta competición case 30 nenos do noso club, que tiveron unha destacada actuación, xa que lograron un total de 6 podiums.  As medallas foron da seguinte cor: dous ouros, tres pratas e un bronce.

O ouro conseguíao o recente coroado campión galego, o atleta Adrián Lage, que gañaba a proba con certa comodidade. O equipo masculino cadete imporíase na categoría de clubs, grazas á gran actuación de Adil Loussini, Pablo Piñón, Alex López, Miguel Ángel Sánchez e Ángel Martínez.

No que respecta ás pratas, estas foron parar a Cristian Santos na categoría infantil masculina, e tamén ós equipos infantil masculino e feminino, que, coa gran actuación que tiveron en Villalba, logran o pase ó Campionato Galego Escolar, que se disputará en Ourense no mes de Febreiro.  O equipo masculino estaba integrado polo citado Cristian, ademais de Noel Villarábide, Samuel Castedo e Marcos Burgo. En canto ó equipo infantil feminino, a primeira en entrar en meta era Andrea Fariñas, que entraba na quinta posición, e Noelia Sánchez na sétima. Completaban equipo Nerea Lage, Paula Piñón, Irea Ferreiro e Noa Fagil.

A medalla de bronce lográbaa María Carballido nunha proba de gran calidade, onde estaban a actual campioa e subcampioa galegas.

Tamén tomaron parte neste evento os benxamíns Eva Rose Merchant, Mario Campo, Mateo Aguiar, ademais dos alevíns Molly Jane Merchant, David Fariñas e Jesús Fagil.

Memorial Alejandro Lorenzo. Friol

Felipe Barata

Baixo unhas condicións climatolóxicas excelentes, disputouse o pasado 25 de Xaneiro na nosa localidade por segundo ano consecutivo o Memorial Alejandro Lorenzo de Cross para as categorías inferiores, así como o Campionato Galego Cadete e Xuvenil de Cross, onde tomaron parte todos os nenos e nenas do noso colexio, xa que era unha oportunidade magnífica de participar nunha proba de primeiro nivel autonómico.

Así, na categoría benxamín, Ánxela Maneiro lograba o noveno posto, mentres que a súa compañeira Eva Rose Merchant era vixésima. Polo que respecta os nenos, Mario Capos entraba na posición 26, Mateo Aguiar na 29 e Alexis Castedo na 36.

Xa na categoría alevín femenino, Andrea Espiñeira entraba na posición 45, Molly Jane Merchant na 46, Leire Santos na 47 e Uxúe Gómez na 48. En canto ós nenos, David Fariñas era 19º, Juan David Ramos 26º, Rubén Miragaya 38º e Jesús Fagil 39º.

 

 

Gran actuación das nenas infantís, que se quedaron ás portas do pódium por equipos, logrando o cuarto posto en dita categoría. A mellor foi Noelia Sánchez, que entraba no sétimo posto, mentres que Andrea Fariñas facíao no 12, Nerea Lage no16, Vanesa Blanco no 35, Paula Piñón no 44, Noa Fagil no 45, Irea Ferreiro no 48 e Ana Villar no 52. O mellor dos nenos era Cristian Santos, que entraba no quinto posto. O resto da actuación foi a seguinte: Samuel Castedo entraba no posto 30, Unai Frías no 35, Juan Zas no 39, Alejandro Fernández no 40 e Jorge Santos no 43.

Campionato Galego Cadete e Xuvenil de Cross. Friol

Adrián Lage, campión galego. Gran carreira de María, cuarta na liña de meta

Felipe Barata

Un dos eventos importantes da matinal do domingo 25 de xaneiro no Concello de Friol foron os Campionatos Galegos de Cross Cadete e Xuvenil, que eran clasificatorios para os Campionatos de España de Clubs e Federacións. Un gran éxito para o club foi a actuación de Adrián Lage, que nunha actuación chea de coraxe, garra e fe logrou a vitoria nunha apertada chegada co atleta Arturo Ramos (Millaraio). Ámbolos dous protagonizaron un fermoso duelo que engrandece os valores deste deporte, e os últimos metros xa quedarán na memoria colectiva dos alí presentes. Este é o primeiro título autonómico no campo a través para un atleta de Friol.

Pero tamén moi destacada foi a actuación de María Carballido, que noutra demostración de casta e valentía entraba nun fenomenal cuarto posto, que a deixou ás portas do pódium, pero que ten como recompensa a súa clasificación para o Campionato de España Cadete de Cross por Federacións, que se disputará a finais de Marzo en Guadalajara. A este evento tamén irá convocado Adrián.

O resto da actuación dos atletas locais foi a seguinte: Alex López, posto 26; Adil Loussini, 33; Miguel Ángel Sánchez, 68 e Angel Martínez, 70.  O club lograba a cuarta posición por equipos.

Por último, na categoría xuvenil, Cristian Montecelo entraba no posto 19, nunha boa actuación no que era o seu debut nun autonómico de cross.

I Xornada de Educación para a Saúde na escola

 

O CPI Dr. López Suárez, centro piloto do Plan Xermola e referente galego na promoción do deporte no ámbito educativo, foi invitado a participar na "I Xornada de Educación para a Saúde na escola. As Guías de axuda para programar os menús escolares. Un marco de actuación dentro do Plan XERMOLA", que tivo lugar en Santiago o martes 27 de xaneiro. 

O noso centro estivo representado pola súa directora, Asunción López Franco, e pola xefa de estudos de Primaria, Margarita Rodríguez Couceiro, que integran o equipo do comedor escolar.

O tema da exposición das relatoras foi "Unha iniciativa enfocada a integrar a familia no comedor escolar. A experiencia do CPI Dr. López Suárez de Friol". O itinerario do relatorio pódese ver na seguinte presentación.

 

Navega con Rumbo polo Ciberespazo

 

Dentro do Plan Navega con Rumbo polo Ciberespazo tivo lugar o pasado mércores, 21 de xaneiro, unha charla na Bliblioteca do Centro destinada ó alumnado usuario das Aulas Abalar, 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO. A charla correu a cargo de persoal do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e nela informóuselle ó alumnado das principais precaucións a ter en conta no uso da Internet, así de como actuar no caso de ser vítima de algún tipo de ciberacoso.

O alumnado seguiu as explicación do relator con moito interese e mostrouse moi activo facendo moitas preguntas.

Podemos ver o resumo do contido na seguinte presentación que amablemente nos deixou Antonio.

 

Distribuir contido