Xogos con Scratch

Despois de catro sesións na aula de informática, os alumnos de 1º ESO remataron o seu primeiro proxecto Scratch.

Todos intentaron programar unha versión do xogo clásico Pong. O traballo foi moi guiado, pois era a súa primeira experiencia programando. Aínda así, moitos deles engadiron modificacións e melloras ao proposto inicialmente.

Como mostra do traballo feito polos alumnos, deixamos aquí (hai que premer na imaxe e despois en "entrar como convidado") o a versión feita por Marc Carnota, de 1º ESO A.

Marc Pong

EXCURSIÓN Á CORUÑA

  

        Desta volta, tocounos aos de 2º da ESO visitar o Aquarium Finisterrae e o Domus na Coruña. Acompañados dos nosos profes, coñecemos de primeira man os peixes e falamos cunha bióloga que nos deu todo tipo de información sobre estes animais, así como incluso de posibles saídas á hora de estudar unha carreria universitaria. Xa no Domus, impactounos o vídeo onde observamos como se producía un parto e probamos todos o noso grao de relaxación. 

      Despois da adquisición destes e outros coñecementos, fixemos a comida de rigor nos arredores da Torre de Hércules, paraxe incomparable, e volvemos para Lousame cantando baixiño.Risa

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR

 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante a Orde do 27 de abril de 2016 (DOG de 16/5/2016), convoca axudas para adquirir libros de texto e material escolar e regula a participación no fondo solidario de libros do alumnado de centros sostidos con fondos públicos, matriculado en EP, ESO e EE.

  •  Tipos de axuda e destinatarios.

 ·         Fondo solidario de libros: alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de EP e 1º e 3º ESO.

 ·         Axudas para libros de texto: alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, en 2º e 4º ESO e en Educación Especial.

 ·         Material escolar: alumnado matriculado en EP, ESO e E. Especial.

  •  Requisitos.

 ·       Renda per cápita igual ou inferior a 9000 €, agás no caso de discapacidade superior ao 65% e alumnado en garda/tutela da Xunta de Galicia ou de Educación Especial, que poderá ter calquera tipo de renda.

 ·         Devolver, en bo estado, os libros de texto adquiridos coas axudas para libros  ou os recibidos do fondo solidario no curso anterior.

  • Prazo presentación de solicitudes.

 Cada pai/nai/titor cubrirá unha única solicitude para todos os seus fillos, que poderá recoller no centro ou descargar da web da Consellería de Educación. A propia aplicación discernirá o tipo de axuda que debe pedir para cada un.

  As solicitudes presentaranse no centro en soporte papel ata o 23 de xuño de 2016 (este incluído), agás o alumnado procedente de centros privados ou os repetidores de 4º de ESO, que terán un mes de prazo desde o día seguinte ao da formalización da matrícula.

  • Documentación que se debe achegar.

 ·         De autorizar a consulta telemática por parte da Consellería:

 - Copia do libro de familia ou documento que acredite número de membros computables a 31 de decembro de 2014 (sentenza de divorcio ou separación, certificado de convivencia, …)

 - Certificado acreditativo do grao de discapacidade e/ou acreditación de violencia de xénero, de ser caso…

 De non autorizar a consulta telemática,  á documentación anterior debe engadirse o DNI dos membros computables da unidade familiar e a declaración da renda do exercicio 2014.

Para máis información ou descargar a solicitude, poden ver os adxuntos.

PUBLICACIÓN DAS LISTAXES DE ALUMNADO REFERIDAS ÁS AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS PARA O ANO 2016

O Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria vén de publicar as listaxes correspondentes ao disposto no artigo 14.1 da Orde do 14 de marzo de 2016 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2016, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG do 28/03/2016).

Toda a información pode verse  na páxina web www.edu.xunta.es/axudasle

O período de reclamación é de 10 dias naturais e  abrangue dende o 17 de maio ata o 26 de maio, ambos inclusive.

Nos arquivos adxuntos podedes consultar as diferentes  listaxes.

Excursión á Domus e á Casa da Ciencias

Este  ano fomos de excursión a Casa das Ciencias e o Domus. Na casa das Ciencias visitamos o museo e o planetario.

Foi moi interesante descubrir a ciencia da man destes museos interactivos. Gustáronnos moito.

 

Visita ao Eroski

Visitamos o Eroski para facer unha compra responsable. Recordaronnos a importancia de levar unha dieta equilibrada e facer exercicio. 

Tivemos que facer a compra dun menú equilibrado e colocar os produtos nunha pirámide alimenticia. Finalmente, agasallaronnos cunha merenda saborosa.

Pasámolo moi ben.

 

LISTAXE DEFINITIVA DE ALUMNADO PARA O CURSO ESCOLAR 2016_17

No arquivo adxunto figura a relación de alumnas e alumnos admitidos para o vindeiro curso escolar 2016_17

SAÍDA A OUTEIRO DE REI

 

Pois como estamos no ano de Manuel María, decidimos achegarnos ata Outeiro de Rei para visitar a casa natal do autor, hoxe convertida en Fundación. Agradecémoslle moito a Fran a súa enorme amabilidade e a paciencia coa que nos explicou todo o que tiña que ver coa vida e obra deste gran escritor. Mentres esperabamos a que acabara a quenda dos de 1º da ESO, tivemos a oportunidade de conversar un chisco con Josefa, Pepa, a cuñada de Manuel María que ten unha casa xusto ao carón da Fundación. Ademais de falarnos do seu cuñado e de asuntos da vila, tamén aproveitamos para fixarnos na súa variante dialectal que non se asemella á nosa, mais que tanto nos agradou.

Pola tarde, e despois de comer apraciblemente na carballeira de Santa Isabel, achegámonos ata o Castro de Viladonga, onde, e a pesares da calor, percorremos o castro enteiro e tamén visitamos o museo. Se queredes ver o resto das fotos, ide á galería da páxina do centro.

 

 

Distribuir contido