Este venres, día 7, os/as alumnos/as de terceiro ciclo de primaria voltamos do entroido con moi boas vibracións.
Poderemos gozar dun concerto moi interesante de Germán Díaz, un dos máis prestixiosos zanfonistas que existen na actualidade. Germán é un xove músico revolucionario que dota todas as súas creacións dunha incrible orixinalidade, sensibilidade e universalidade. Tamén se trata dun artista multidisciplinar, que crea o seu propio universo seguindo camiños intransitados e que moitas veces van moito mais alá do musical. O seu estilo musical é inclasificable e totalmente ecléctico: dende a música de raíz, pasando polo jazz, a música experimental etc. Todos estes elementos fan da experiencia de escoitar e ver a Germán no escenario un momento irrepetible, como irrepetible é o artista.
Nesta ocasión poderemos escoitar unha das súas últimas creacións: O método cardiofónico. A continuación deixámosvos un video para abrirdes o apetito e saberdes un pouquiño máis do que imos escoitar.