Skip to Content

O noso nome

Don Aurelio Marcelino Rey García naceu en Lavadores (Vigo) no ano 1880.

Fixo a carreira de Mestre Nacional e comezou a traballar arrededor dos 20 anos.

Antes de vir para o pobo de Cuntis tivo as súas escolas en Sanxenxo e Ribadumia. Casado con Dona Emilia Carou Blanco, tamen mestra moi querida en Cuntis, chegou ó noso pobo aló polo ano 1920, onde desempeñou o seu labor ata a súa xubilación os 70 anos.

Por testemuñas de ex-alumnos seus, sabemos que ademais de da-las clases normais, ensinaba ós seus rapaces: modelado en arxila e xiz para facer bustos, carpintería, repuxado, ...

Fixo un gabinete de física e disecaban todo tipo de animais para estudialos mellor (raposos, teixugos, aves, cobras, ras,...)

Facían mapas en relevo para estudia-la Xeografía. E para comprender mellor o que eran e como eran Galicia e España, dirixiu no patio da Escola Graduada de Rapaces (da que foi director) a construcción dun xardín con forma de Galicia e outro coa forma de España. Este estaba dividido en rexións, separadas unhas das outras por mirtos; cada rexión tiña os seus cultivos propios e era coidada por un grupo de rapaces. De Madrid saía un surtidor que regaba todo o xardín.

Para poder aproveitar os rapaces que tiñan capacidade para estudiar e carecían de medios económicos, creou o que el chamou “Cuarta Sección", onde se estudiaba aproveitando os mesmos libros para todos eles. Desa aula saíron moitos bachareis, mestres, homes de empresa...

Por cuestións políticas, baixo a Dictadura do Xeneral Franco, estivo encarcerado durante un mes no lazareto da Ría de San Simón.

0 seu traballo foi tan meritorio que ata se fixeron eco de algunhas revistas de educación da época.

En agradecemento e como perdurable lembranza dos seus alumnos, o pobo de Cuntis nomeouno «Mestre de Mestres» e, no súa honra o Colexio leva o seu nome: COLEXIO PÚBLICO "DON AURELIO REY"
Posteriormente o Concello decide adicarlle unha rúa no noso pobo, que desde entón se denomina Circunvalación Don Aurelio.

O seu labor foi continuado ó cabo dos anos, de modo meritorio, polo súa filla Dona Emilia Rey Carou e o seu xenro Don Manuel Torres García, tamén mestres e directores do noso Colexio, a quen todo o pobo lles agradece o seu traballa e esforzo a favor dos seus alumnos. 


 



page | by Dr. Radut