Skip to Content

Excursión a Manzaneda

O pasado mércores 21 de febreiro, o alumnado de 2°ESO e 3°ESO saíu de excursión a Manzaneda. Por diante tiñamos 3 días para gozar dunha paisaxe de montaña única e novidosa para a rapazada. Logo dunha breve parada en Castro Caldelas para visitar o seu maxestuoso castelo e repoñer forzas, chegamos ao noso destino. Xa asentados no albergue, comezamos a probar as múltiples instalacións da Estación de Esquí de Manzaneda: probamos a nosa puntería co arco no polideportivo, escalamos árbores no parque multiaventuras, nadamos entre centos de burbullas no spa, saímos de ruta polos sendeiros da contorna, e bailamos ao ritmo da música na discoteca. A sorpresa chegou da man da neve. Ao segundo día da nosa aventura, as temperaturas comezaron a baixar e experimentamos, por primeira vez en moitos casos, a sensación da camiñar coas folerpas de neve batendo de cheo na nosa cara. O brillo dos ollos delataba a emoción do noso alumnado, que aproveitou a situación para seguir practicando puntería nunha divertida pero competitiva loita de bolas de neve. A aventura chegou ao seu fin o venres 23 de febreiro cando, despois dunha mañá chea de actividades coa neve, voltamos para o noso centro cheos de anécdotas que contar, fotos que compartir e días que riscar do calendario ata a nosa próxima viaxe!

Álbum: Curso 23-24 -> Excursión a Manzaneda


album | by Dr. Radut