Proposta de actividade para o 25N: Non quero ser maltratador Non quero ser vítima.
Estimadas familias:
Como este ano o tema do centro é Que quero ser, pensamos que para o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero sería boa idea reflexionar sobre o que NON queremos ser.
Queremos ofrecerlles ao noso alumnado modelos positivos de relacións afectivas, para que as teñan de referencia. E cremos que nada mellor para iso que encontren condutas positivas entre as persoas que coñecen, as máis achegadas: familia e veciñanza.
Por iso facemos esta proposta: gravarmos un vídeo colectivo en que as adultas da escola digamos dúas frases: non quero ser… e quero ser… na que recollamos actitudes negativas (non quero ser) e positivas (quero ser) perante unha relación amorosa, como neste exemplo:
Non quero ser controlador/a vs. Quero ser respectuoso/a coas amizades da miña parella
O vídeo resultante de todas as gravacións será proxectado nas aulas do centro o día 24 de novembro, véspera da conmemoración.
O que vos pedimos é o que segue.
-
Dous vídeos, un coa frase negativa e outro coa positiva.
-
Formato horizontal
-
Se pode ser, un primeiro plano con fondo branco, para lle dar unidade á proposta (se non pode ser, non pode ser).
-
Que enviedes os vídeos ao mail abibliodarosi@gmail.com antes do 5 de novembro, incluíndo os nomes que queredes que aparezan na edición final.
Para as que teñades dúbidas ou curiosidade, achegamos unhas notas que vos poden axudar a pensar as vosas frases: https://drive.google.com/file/d/1D_f570yCD4DiKkI4ak1v8RBJHl9hTTMT/view?usp=sharing.
Agardamos que entre todas e todos deamos sacado adiante esta proposta. Pensamos que podería ser moi positiva para as nosas crianzas.