ACTIVIDADES SOLIDARIAS NO CPI CONDE DE FENOSA

 

 

OPERACIÓN QUILO DE NADAL

Estimadas familias:

Como xa é toda unha tradición no noso centro, un ano máis solicitamos a vosa colaboración para levar a termo  a  OPERACIÓN QUILO DE NADAL. Esta actividade centrada na educación en valores e educación para o desenvolvemento, ten como obxectivo fundamental sensibilizar ao alumnado e en xeral a toda a comunidade educativa.

Estamos ante unha época na que  diversas institucións como A Cociña Económica ou Cáritas seguen demandando a colaboración de toda a sociedade, e estamos ante unha ocasión marabillosa para aportar o noso gran de area.

Así pois, alumnado, profesorado e familias poderán  contribuír de maneira voluntaria aportando calquera alimento non perecedeiro, dende o 25 de novembro ata o 11 de decembro. A partir desta data os alimentos serán levados á Cáritas de Ares e á Cociña Económica de Ferrol.

Agradecemos unha vez máis o voso compromiso e participación.

                                                  GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN

 

   

 

 

  MARATÓN SOLIDARIO: V CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE

 

Polos dereitos da infancia

 

Un ano máis o noso centro organiza a V Carreira Quilómetros de Solidariedade. Esta carreira, enmarcada dentro das actividades solidarias do noso colexio, é unha actividade con dobre finalidade: por unha banda, espertar nos nosos alumnos e alumnas un espírito crítico e solidario cara as inxustizas que afectan a millóns de nenos e nenas de todo o mundo e, por outra banda, recadar fondos en colaboración coa ONG “Save the Children” para axudar á infancia mais desfavorecida e facer que se respecten os seus dereitos.

Nesta actividade solidaria,  o alumnado aboará 1 € por inscribirse na carreira e recibirá un dorsal, un carné de corredor e un diploma acreditativo de participación. Pola súa banda, o que voluntariamentequeira buscar patrocinadores entre os seus familiares ou achegados, poderá facelo recollendo as súas aportacións a través do carné de corredor. Este ano a recadación irá a parar a través de Save the Children aos programas de desenvolvemento e emerxencia que esta ONG  leva a termo para combater a desnutrición infantil nos países máis empobrecidos.

Un ano mais, a atleta aresán Paula Mayobre  estará connosco  e   apoiará esta causa coa súa presenza  correndo cos rapaces e rapazas do noso centro.

ORGANIZACIÓN:

ESO: Saída as 10:30 horas. Ruta: Colexio, Igrexa, Porto deportivo, Paseo maritimo, Parque infantil Rosalía de Castro, volta ao colexio polo muelle.

Primaria: Saída do colexio as 11:30 horas. As carreiras faranse por categorías no paseo marítimo dirección nautico a partir das 11:45 horas.

Infantil: A carreira terá lugar as 13:00 horas no pavillón do colexio.

 

Agradecemos a todo o alumnado a súa participación e  solidariedade e invitamos a todos os pais e nais a que o xoves 17 de decembro, saian a rúa a apoiar aos nosos corredores solidarios.


 

CPI Conde de Fenosa:  construíndo un mundo mellor

 

 

 

 

 

 

AdxuntoTamaño
CARTEL MARATÓN 2015-2016.pdf370.06 KB