VI EDICIÓN DO PARLAMENTO XOVE

VI Edición do Parlamento Xove.

    O proxecto Parlamento Xove confórmano un conxunto de encontros dialécticos que teñen por obxecto fomentar entre os xoves o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias. Potenciaranse habilidades individuais e en grupo entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.

   Trátase dunha competición na que os diversos equipos inscritos investigarán, escribirán e debaterán acerca dun tema. A actividade desenvolverase nunha fase inicial de investigación e argumentación de ideas na rede e unha fase final de debate dialéctico.

   O día 7 de marzo tivo lugar nas salas da Deputación da Coruña a fase clasificatoria ao que acudiron, como veñen facendo dende hai 2 cursos, un grupo de alumnas de 3º e 4º ESO preparadas e acompañadas polo profesor de L. Galega, Xoan Barrio. Na presente edición as alumnas, Alba Brage Varela, Noelia Calvo Tizón, Raquel Pérez Rivera de 4º ESO e Raquel Santamariña Taboada de 3º ESO, realizaron 3 debates durante o longo do día dos que gañaron 2, realizando unha defensa excepcional da súa posición ben a favor ou en contra (por sorteo) do tema : "A maioría de idade aos 16 anos?", manexando unha argumentación e unhas habilidades de expresión oral e escrita formidables.

Parabéns a todo o equipo polo traballo ben feito e destacar que a nosa alumna, Alba Brage, foi unha das 4 mellores debatistas desta Edición.