Skip to Content

MatHex

 

MatHex 

Profesores do departamento de Matemáticas da USC, coa colaboración de profesores de ensino secundario, acaban de poñer en marcha a versión de proba de Mathex, un xogo que ten por obxectivo achegar a ciencia a todo tipo de públicos combinando estratexia e coñecementos.

Como se xoga a Mathex?

 

Mathex está baseado nun taboleiro de hexágonos inspirado no xogo de mesa HEX, creado polos matemáticos John Nash e Piet Hein. Para avanzar no xogo hai que respostar correctamente a cuestións sobre matemáticas desde a perspectiva histórica, resolvendo problemas e abordando tamén a historia de mulleres científicas.

 

O obxectivo é completar un camiño de baldosas que conecten co lado oposto do taboleiro. Para ‘conquistar’ cada baldosa haberá que responder correctamente a pregunta no tempo establecido; en caso contrario non se avanzará. Gañará quen consiga que o seu avatar sexa o primeiro en completar o camiño entre os dous lados.

 

 

 

A versión beta, que en futuras edicións irá ampliando as preguntas e os idiomas, presenta cinco niveis de dificultade, incluíndo un especial para nenos e nenas de 7 a 10 anos. Polo de agora están activos os modos ‘Persoa contra persoa’ e ‘persoa contra máquina’, con máquinas con tres niveis de destreza. Proximamente poñerase en marcha o modo ‘en liña’ para xogar con opoñentes a distancia. Ademais, Mathex ten a vantaxe de que non ocupa espazo no dispositivo xa que non necesita instalación; xógase dende o navegador web da computadora ou da tablet.

 

Ferramenta para o profesorado

 

Os creadores de Mathex buscan ter a maior participación posible para mellorar a versión actual –para iso hai dispoñible un apartado de suxestións- e ir avanzando no programa definitivo, que agardan ter no mes de marzo. Tamén, como explica unha das súas creadoras, a profesora Elena Vázquez Abal, “temos a intención de que o xogo se poida usar nas aulas, onde o profesorado poderá incluír o seu propioconxunto de preguntas e xogar co alumnado da clase. Ademais, neste curso contamos con ter lista unha versión en galego”.

 

Os impulsores do proxecto son os docentes Elena Vázquez Abal, José Carlos Díaz Ramos, Víctor Sanmartín López e Esteban Calviño Louzao, membros do grupo de innovación docente  GrID-A/ XD da USC. Contaron tamén coa colaboración de CHOCOSOFT no desenvolvemento e programación do xogo e de ADUMBRO no deseño gráfico e dainterface.

 

MatHex, que conta con financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Podes xogar a Mathex nesta ligazón.

Texto copiado de GCienciahttps://www.gciencia.com/ciencia/mathex-xogo-usc/

 



page | by Dr. Radut