Mediación

AULA MEDIACIÓN

Desde o curso 2022/2023, o CEIP Plurilingüe de Vite conta cunha aula de mediación.

A posta en marcha do equipo de mediadores escolares, os "MINIMEDIADORES", é unha das propostas incluída nos CPInclúe no apartado Convive.

Ao longo do curso o alumnado  voluntario de 5º de primaria, participou nun programa de formación en mediación escolar para o fomento da convivencia e da resolución dos conflitos de xeito pacífico, a cargo de Asgamed.

Este programa forma parte do Plan de Convivencia do centro, polo que terá continuidade para os vindeiros cursos.

Resultado da formación son os seguintes tres documentos que xestionan a intervención dos MINIMEDIADORES:

Os mediadores voluntarios remataron o curso moi entusiasmados pola experiencia e déronse a coñecer á toda a comunidade educativa.

O vindeiro curso van traballar tanto na prevención, detección, tratamento, seguimento e na xestión dos conflitos que xurdan no CEIP Plurilingüe de Vite, como unha fonte de experiencia e de aprendizaxe para a vida.

Servizo de mediación escolar de Vite 2023-24

Presentamos aos minimediadores do cole de Vite: 

Se entre dúas persoas que se relacionan xorde un conflito, podes contar connosco!

QUE FACEMOS: exercemos de asesores ante os problemas de relación e disputas entre os compañeiros e compañeiras. Ademais, facemos por crear un ambiente máis agradable no centro, patrullando nos recreos cos nosos chalecos para ser visibles, atentos a desavíos entre nenos e nenas que os teñan enfadados, tristes, illados ou cun malestar visible.

QUEN SOMOS: alumnos e alumnas de 6º e 5º de primaria, que exercemos de mediadores de xeito voluntario e confidencial, xa que os responsables de resolver o conflito son as partes implicadas, pois teñen que querer atopar solución. Nós axudamos a que tomen as súas propias decisións, dándolles unha oportunidade de reunirse. 

COMO FACEMOS: Non temos autoridade para impoñer decisións nin dar solucións, facemos de condutores facilitando que as persoas confrontadas se poñan cara a cara e empregamos estratexias especiais de comunicación: escoitar, preguntar, negociar e axudar ás partes a elaborar as súas propias solucións ao malestar que teñen. Neste proceso buscamos que os participantes pasen de verse como adversarios, a sentirse socios que asinan un compromiso para resolver o conflito que os mantén enfrontados.

OBXECTIVO DA MEDIACIÓN NA ESCOLA: a finalidade non é chegar a un acordo nin resolver conflitos. O realmente importante é que as partes se poidan comunicar, aclaren os seus puntos de vista e sexan capaces de entender como se sente a outra persoa fronte a súa actitude ou conduta. É dicir, mediar non significa que as dúas persoas que están enfrontadas teñan que acabar pensando o mesmo; o importante é que ambas partes se acaben entendendo mutuamente, inda que non compartan os mesmos puntos de vista… puro respecto.

PROCESO ou fases da  mediación: 

- Recibimos ás persoas mediadas, saudamos e dirixímonos á aula de mediación, logo indicamos onde se pode sentar cada persoa.

- Establecemos unha relación cordial, con preguntas abertas, banais e cotiás, sen que se sintan atacadas. Mantemos en todo momento posición adecuada, e falamos da Mediación, dicimos en que consiste coas nosas palabras e preguntamos si o entenden.

- Dicimos as normas que ten a Mediación, e asegurámonos de que as comprenden e aceptan.

- Unha vez feito todo isto, pasamos á seguinte fase, que podemos chamar CÓNTAME, onde utilizando as ferramentas da mediación para saber cousas do problema que os enfronta e buscaremos xuntos o camiño para que poidan chegar ao entendemento, ou a sentirse mellor.

Hai factores que poden contaminar o proceso de mediación, como as expectativas ou crenzas do mediador sobre determinados compañeiros e compañeiras, así como a simpatía que se pode sentir cara un compañeiro ou compañeira fronte a outro. Neste caso buscaremos un mediador neutral, pois en lugar de interceder faría uso de máis poder do que lle corresponde, buscando a solución do conflito e iso, corresponde ás persoas implicadas.

LEMBRA: Os minimediadores estamos para a axudar ás persoas que están en conflito a resolver a súa disputa, nas ocasións en que se senten atacas e non ven posible o diálogo sen entrar en reproches. Somos esa terceira persoa imparcial, que entrará en acción sempre que as partes queiran, premisa indispensable.

O noso lema: PÁRATE A PENSAR, IMOS A MEDIAR.

Preme na imaxe para ve-lo vídeo: