Estimadas familias:
Debido á suspensión das actividades lectivas por motivo do COVID-19, a Consellería de Educación publicou unhas instrucións, entre as que se atopa a programación de actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o alumnado as poida realizar no seu domicilio.
Dende o equipo de Educación Infantil do CEIP Vista Alegre propoñemos as seguintes actividades para o alumnado desta etapa:
ASEMBLEA: a poder ser, en familia. Durante a mesma podedes:
- Ver no calendario que día é (número, día da semana, mes, estación, ano), cantos días faltan para o comezo da primavera, que día da semana foi onte, que día será mañá…
- Botar unha ollada pola ventá para comprobar o tempo atmosférico: se chove, se quenta o Sol, se venta, se fai frío/calor…
- Organizar o día, consensuando entre todas/os as actividades a realizar.
- Conversar, respectando as quendas de palabra e escoitando activamente aos demais.
ACTIVIDADES: manipulativas, en papel, en formato dixital, tarefas domésticas… A continuación deixamos unha lista de actividades xenéricas (con algún exemplo concreto para clarificar as mesmas) para que vaiades elixindo as que máis vos conveñan para cada día.
Lóxica-matemática:
- Contar cousas da casa (por exemplo: canta froita hai, estimar para cantos días nos chegará, comparar entre froitas, de cal temos máis, cantas mazás hai máis que plátanos…).
- Facer agrupacións e comparacións. Por exemplo: cantas froitas de cada temos no froiteiro, de cal hai máis, cantas mazás hai máis que plátanos… O mesmo se podería facer con prendas de roupa, xoguetes, útiles de aseo, menaxe de cociña, e todo o que se vos ocorra.
- Tarefas domésticas: emparellar calcetíns, dobrar a roupa e colocala no seu sitio, axudar a tender a roupa empregando un criterio de cor coas pinzas, axudar a poñer a mesa contando cantos pratos/vasos/cubertos fan falta…
- Buscar pola casa cousas redondas, cadradas, triangulares, rectangulares e facer agrupacións segundo a forma e/ou tamaño.
- Xogar ao bingo, podendo elaboralo vós mesmos/as con números, letras, animais, formas xeométricas, medios de transporte...
- Xogar a xogos de mesa: parchís, oca, dominò, cartas...
- Elaborar unha receita de cociña.
- Facer algún experimento.
- Facer crebacabezas
- Escribir os números.
Lectoescritura:
- Actividades relacionadas con palabras que sexan signficativas para elxs (nome dos nenxs da súa clase, personaxes de contos, superheroes/superheroinas, o menú que van comer ese día…),
- Intentar escribir/compoñer palabras.
- Ordenar palabras pola sùa lonxitude (longas/curtas).
- Buscar letras concretas en certas palabras.
- Contar cantas letras ten cada palabra.
- Buscar palabras que comecen/rematen por unha letra determinada.
- Actividades relacionadas con contos: contar un conto e que faigan un debuxo, falar das personaxes, analizar a portada, o título, inventar un final alternativo…
Actividades artísticas:
- Debuxar.
- Colorear.
- Pintar con témperas ou acuarelas.
- Estampación con diferentes materiais (esponxas, rolos de papel hixiénico, corchos…).
- Realizar collages recortando e pegando.
- Modelado de arxila/plastilina.
- Sinestesias (pintar ao ritmo de diferentes musicais).
MERENDA: preparar un aperitivo saudable para media mañá, prestando especial atención á hixiene de mans e á autonomía para comer.
HORA DE MOVERSE: se non teñen a opción de saír a un patio/xardín da casa, propoñémosvos facer algo de exercicio dentro con este tipo de vídeos:
HORA DO CONTO: lectura dun conto por parte dun adulto ou individualmente.
Neste enlace tedes moitos clásicos con pictogramas como este:
Tamén poden ver e escoitar contacontos online, como por exemplo:
XOGO LIBRE: cos xoguetes que consideredes, recollendo os mesmos ao finalizar.
Esta é unha proposta totalmente flexible a aberta que, loxicamente, cada quen adaptará en función da súa situación laboral e familiar.
Moito ánimo para todas e todos! Quedémonos na casa. Todo vai ir ben.