O pasado do noso centro

 O CENTRO: Estrutura, edificios...

No curso escolar 1962-63 ten lugar a creación, en Burela, de CATRO UNIDADES ESCOLARES que coas TRES xa existentes  constitúen a AGRUPACIÓN ESCOLAR MIXTA “VIRGEN DEL CARMEN”, orixe do noso actual centro.
A poboación de Burela medraba e no ano 1971 creouse o COLEGIO NACIONAL MIXTO “VIRGEN DEL CARMEN”, de oito unidades, máis dúas complementarias, con sevizos de comedor escolar e ximnasio. Os alumnos de ciclo superior de E.X.B das parroquias de Cervo, Sargadelos, S. Román de Villaestrofe e Rúa son transportados para recibir as súas ensinanzas no centro. (É o actual edificio principal onde está a dirección do centro, o alumnado de E. Infantil, o salón de actos-comedor, onde está ubicado o departamento de orientación e outros servizos).
O continuo aumento da poboación de Burela fará necesaria a construcción dun novo edificio de oito unidades, que pertence ó COLEGIO NACIONAL MIXTO “VIRGEN DEL CARMEN” que comeza a súa actividade no curso 1977-78 (É o edificio onde, na actualidade, están os alumnos de 2º e 3º ciclo, no que se atopa o ximnasio, a sala de Informática e outras dependencias).
Burela segue a medrar e imponse unha nova construcción que empezará a funcionar no ano 1980-81, o AULARIO, tamén chamado edificio roxo e na actualidade EDIFICIO II (Aquí están escolarizados o alumnado de 1º e 2º de E. Primaria e está a Biblioteca e outras dependencias na actualidade).

No 1983 inaugúrase o Ceip de Cervo, recollendo alumnos de Cervo, Sargadelos, S. Román e Rúa que viñan ao noso centro.
No ano 1985 creouse o novo centro escolar “Vista Alegre”, para atender novas necesidades escolares de Burela.

Na actualidade, O CEIP “VIRXE DO CARME” ten 6 unidades de Educación Infantil e 12 de E. Primaria con 370 alumnos e cunha plantilla de 33 profesores.Nestes 50 anos o centro foi variando de aspecto, apareceron xardíns, árbores de moitas especies…En 1990 inaugúrase o pavillón polideportivo.

En Xaneiro de 1991 pasamos a ser un dos poucos centros da provincia en contar cunha aula de Informática completa para o disfrute de todos os docentes e alumnado  da nosa comunidade educativa, grazas a un concurso da TVG chamado “Man con man”, no que tres alumnos do noso centro, Martín Suárez Fraga, Iria González Panizo e Ramón Maañón López, acompañados da mestra Helena Fernández Roibás, acadaron un premio de 4.000.000 de ptas. para o centro que se invertiron na nosa 1ª aula de Informática. Deste xeito fomos un centro privilexiado ao poder implantar tan pronto as novas tecnoloxías aplicadas ao proceso ensino-aprendizaxe.
No curso 1998-1999, os antiguos alumnos de 7º e 8º de E.X.B convertidos en 1º e 2º de E.S.O saen do noso centro por traslado ó I.E.S Perdouro.Os espazos do centro coñecen unha nova renovación e reestructuración.

No ano 2001, despois de rematado o curso escolar,  elimínanse as antiguas escolas vellas, aumenta o patio de Primaria e o centro adquire a imaxe que podemos contemplar hoxe en día.  

A derradeira remodelación do centro foi en xuño de 2019, con un presuposto de cerca de un millón de €, renováronse as fachadas, ventás, pintura interior e outras modificacións.

O FACTOR HUMANO: Aulas, alumnos, mestres.

Como apuntamos anteriormente, o centro foi cambiando ao longo destes 50 anos. As aulas, os alumnos e as alumnas e os mestres e mestras foron notando o ritmo marcado polo paso do tempo, polos cambios sociais, históricos, ambientais, culturais e económicos.

Pasamos das aulas separadas por sexos e con pupitres para dous alumnos onde se escribía con pluma e tinteiro, cun encerado e algún que outro mapa, a estar dotados hoxe en día con ordenadores, canóns de video, portátiles, e, incluso en 5º E 6º curso miniportátiles individuais para cada alumno como todos os centros que teñen E-Dixgal
Tanto antes como agora o que educa é a intercomunicación alumnado-profesorado e a boa relación entre ambas partes.
       

ACTIVIDADES DO CICLO ANUAL: O Magosto, O Carteiro Real, Papá Nöel, Os Festivais de Nadal, O Día da Paz, O Entroido, As Letras Galegas, O Fin de Curso, as  Saídas e  Excursións...

 Ao longo do curso escolar moitas son as actividades que o noso centro leva adiante programadas para servir de complemento ao currículo escolar. Destacamos entre outras as seguintes: Celebración do magosto, con traballos escolares ao redor da castaña, xogos, actividades literarias e deportivas; O Carteiro real coa escritura das cartas adicadas a demanda de regalos aos Reis Magos. O festival de teatro e panxoliñas soen ser moi atractivos e moi participativos por parte dos escolares do centro e do coro do nos centro.

A semana e o día da paz celebramos o misterio da boa convivencia con traballos, actos teatrais, cantos, audicións e actividades de aula moi queridos tanto polo profesorado como polo alumnado.

Participamos todos os anos con disfraces, bailes, xogos, elaboración de coreografías e degustación de productos no tempo de Entroido.

Solemos celebrar a semana do conto e a semana das letras galegas con recitados, obras de teatro, cancións e traballos escolares de recreación dos homenaxeados cada ano, etc.

Antes de Fin de Curso o centro acude a pasar  unha xornada de convivencia no medio da natureza. En principio foi en San Roman, para pasar despois más de 20 anos en Vila de Suso, máis tarde e durante 6 anos en Sargadelos e actualmente celebramos este día En Cangas de Foz. Ese día imos a andar un bo anaco, facemos xogos, temos un xantar campestre e disfrutamos da vida lonxe dos libros.

En fin de curso sempre preparamos algunha obra de teatro, xogos nos patios e actividades recreativas, danzas, etc.

A CULTURA: Xornal Nordés, Conferencias, Audicións...

D
ende o ano 1988 elaboramos un periódico escolar chamado Nordés. En cada exemplar hai traballos escolares e reflíctense temas de actualidade, eventos do centro e colaboracións dos alumnos de todo tipo: poemas, artigos, contos, opinións, actualidade, entrevistas, pasatempos, etc. Ler cada xornal é vivir o espírito de cada curso escolar.

Dentro do ámbito da cultura debemos anotar un variado elenco de actividades que solemos facer ao longo do curso auspiciados polo propio centro,  por iniciativa do concello, por temas relacionados coa biblioteca, medio ambiente, intercambio escolar, etc. Neste apartado temos que salientar as moitas e variadas audicións levadas a cabo por profesores da escola de música, as numerosas obras de teatro, contacontos de distintas editoriais, teatro en inglés, conferencias do plan director para escolares, pais e profesores, charlas e conferencias de escritores, etc.

Tamén participamos en programas de relación e colaboración educativa internacional no PROXECTO COMENIUS con varios colexios de Francia, Italia, Inglaterra e Polonia.

Ese espírito aberto plural e tolerante é o que reivindicamos co noso traballo diario e esperamos seguir a desenvolver durante moitos anos.

A Misión do “Ceip Plurilingüe Virxe do Carme” de Burela é educar e formar nun clima plural, aconfesional e non discriminativo, dando resposta á diversidade, desenvolvendo o espírito crítico e a capacidade de discusión nun ambiente de tolerancia, aceptación, solidariedade e respecto entre todos os membros da comunidade educativa.

O “Ceip Plurilingüe  Virxe do Carme” de Burela pretende ser un centro de ensino innovador e aberto polo seu nivel de compromiso de calidade no proceso educativo, que facilite os instrumentos máximos para dar resposta ás esixencias actuais.

Back to top