Skip to Content

Actividades 8ª Semana Corentena 2ºA 2019/20

ACTIVIDADES 8ª SEMANA DE CORENTENA 2ºA

5/5/2020

Ola, nen@s! Xa estamos de volta da ponte. Ben, hoxe toca ver un tema de Natus: as plantas. É só un repasiño do que xa vimos o curso pasado, lembradesvos que o ano pasado cada un de vós plantou unha alfábega nun bote de iogur? E na horta do cole plantamos cabazas!

Pois ben, que tedes que facer?

1º) Ver o seguinte vídeo sobre as plantas:

2º) Clicar na imaxe de abaixo para abrir o libro de Vicens Vives, xa vos vai abrir no tema das plantas. Podedes pasar as páxinas dándolle as frechas da esquerda e dereita.

3º) Ler con atención o tema, sobre todo os parágrafos co título en laranxa e o texto en verde e vermello, ata a páxina 64. A maiores da lectura, podedes facer as actividades que vos apeteza do tema.

4º) Facer as seguintes actividades:

A) Buscar e anotar o nome de todas as plantas que tedes na casa. Lembrade que poden estar nunha maceta ou mesmo na neveira se é que as ides comer en breves! 

B) Facer un esquema sobre as plantas que inclúa as seguintes ramificacións: que precisan as plantas para vivir, que partes teñen as plantas, que tipos de planta hai segundo a súa folla ou segundo como medraron. Toda esta información está no libro dixital ou no vídeo, ou mesmo na vosa memoria, pois algunhas cousas xa as vimos o ano pasado!

C) Esta actividade é opcional, invítovos a que plantedes algunha semente na casa e que enviedes fotografías do proceso dende que a plantastes ata que comezastes a ver o talo asomar, medrar, as flores, etc. A vosa compi Marta plantou unha tomateira xa hai días:


actividade extra de hoxe é un ditado, lembrade que as actividades extra son para aquel alumnado que queira facelas porque lle apetece máis traballo: 

 

 6/5/2020

Ola, nen@s! Antes de explicarvos a actividade de hoxe, quería lembrarvos que tedes actividades das áreas dos outros especialistas (Música, Inglés, Educación Física e Relixión) na páxina web do cole. Se facedes as súas actividades, non dubidedes en facérllelas chegar a estes profes e, se non sabedes como, preguntádeme a min. De feito, na columna que hai na dereita deste blogue, podedes acceder a elas. 

Dito isto, agora si, explícovos o que hai que facer hoxe:

1º) Clicar na imaxe de abaixo para abrir o libro de Vicens Vives, xa vos vai abrir na lectura que quero que fagades. Podedes pasar as páxinas dándolle as frechas da esquerda e dereita.

2º) Ler con atención o texto das páxinas 84 e 85

3º) Facer as actividades da páxina 86, que son sobre a lectura, e da páxina 90, que son sobre o B e o V. 

 

A actividade extra de hoxe é facer os seguintes exercicios de Matemáticas:

 7/5/2020

Bo día, nen@s! Hoxe traiovos unha actividade de Plástica con diferentes opcións, escollede a que mellor se adapte aos materiais que tedes na casa, a que máis vos guste ou varias se o preferides. Como estamos coa temática das plantas en Naturais, gustaríame que representedes algunha planta: unha planta con flor, unha árbore... E mañá, os que queirades, podédela ensinar aos vosos compis de 2ºB e 2ºA pola videochamada.

Déixovos aquí as opcións:

Nesta precisaríades:

  • Un soporte algo resistente (cartón por exemplo)
  • Bastonciños de limpar os oídos
  • Tesoiras
  • Plastilina de cor verde (se non tedes na casa, sabíades que se pode fabricar plastilina caseira con fariña, colorante e uns poucos ingredientes máis? En internet tedes a receita)
  • Pegamento (para que a bola de plastilina non se mova)
  • Pincel
  • Pintura

 

Para esta precisaríades:

  • Un rolo de cartón do papel hixiénico
  • Tesoiras
  • Pintura
  • Pincel
  • Cartolina ou papel.

No vídeo vos explican dous xeitos de pintar flores con estes materiais. Penso que a máis sinxela para vós é a 1ª, que é ata o minuto 1:17.

 

Outra opción é facer un debuxo seguindo algún destes titoriais, paso a paso. Lembrade comezar co lapis suave, por se vos equivocades e tedes que rectificar algún trazo. 

Aquí só precisaredes:

  • Lapis
  • Rotulador (opcional, para repasar as liñas de lapis se queredes)
  • Ceras de cores ou rotuladores (depende co que queirades darlle cor)
  • Papel

Estou desexando ver como vos quedou!

Como actividade extra, propóñovos seguir repasando as táboas de multiplicar do 2 e do 3. E, se pensades que xa as sabedes moi ben, podedes mandarme algún vídeo dicíndoas por orde ou salteadas, ou das dúas formas. Hai un compi que xa me mandou vídeos recitándoas por orde e salteadas.

Déixovos aquí dous enlaces onde tedes moitos xogos para practicar a multiplicación, facedes clic na imaxe e xa vos leva aos xogos:

Para a táboa do 2:

Para a táboa do 3:

 8/5/2020

 Bo día, chic@s! Hoxe xa é venres e quero deixarvos con un tema de Mates moi sinxelo: os polígonos. Este ano non nos deu tempo de velo moi ben na clase, mais... lembrades aquelas páxinas do libro de Lengua que fixéramos sobre o tangram? Nela falamos dalgúns polígonos como o triángulo e o cuadrilátero.

Pois ben, que tedes que facer hoxe?

1º) Ver este vídeo:

2º) Fotografiar! Tedes que fotografiar polígonos que vedes na vosa casa ou na rúa, e nomealos segundo o seu número de lados (triángulo, cuadrilátero, pentágono, hexágono, heptágono, etc.) e se son regulares (todos os seus lados miden o mesmo) ou irregulares (non todos os seus lados miden o mesmo) . Podédes poñerlle o nome no título da fotografía ou escribir nela con un programa de debuxo dixital (por exemplo, co Paint). 

Póñovos un exemplo: as baldosas do meu salón son cuadriláteros irregulares, cuadriláteros porque teñen 4 lados e irregulares porque non todos miden o mesmo:

Se non vos é posible facelo con fotografías, podedes facer debuxos e unha lista de varios polígonos que atopedes pola casa ou pola rúa, sempre nomeando que tipo de polígono son. Por exemplo: "Os azulexos do meu baño son hexágonos regulares." Por suposto, mandádeme o voso traballo por correo!

A actividade extra de hoxe é resolver os seguintes problemas. Pensade ben na operación que estivemos vendo dende hai unhas semanas, a ver se vos pode ser de axuda para resolvelos. Por certo, espero que continuedes a ver a serie de Pippi, por que capítulo ides?

Por certo, aproveito para deixarvos este aviso de parte do centro, por se sabedes de alguén novo que queira matricularse no noso cole:

 

 

 



blog | by Dr. Radut