Skip to Content

VISITA DE LEDICIA COSTAS

O día 10 de abril recibimos na nosa biblioteca á escritora viguesa LEDICIA COSTAS autora dun libro que limos os nenos e nenas de 5º e 6º titulado Escarlatina, a cociñeira defunta, e co que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2014.

Resultounos moi divertido:

Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén. Alí Román atópase co seu avó falecido había xa algún tempo.

  Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, que moitos de nós fixemos nas nosas casas, dan paso a cada un dos capítulos desta historia de humor macabro que conseguiu estimular a nosa curiosidade polo mundo da cociña.

Ledicia foi moi amable, díxonos que ía seguir escribindo para os rapaces e rapazas, que lle gusta moito, e antes de marchar, asinou nos nosos libros cunha frase adicada a cada un de nós.

MOITAS GRAZAS LEDICIA !!!!!



page | by Dr. Radut