Chámome "O Cantel", ou polo menos, é o nome que me dan dende hai uns anos, debido á zona onde medrei.
Se queres saber un pouco da miña vida, vouche contar que nacín en setembro de 1992 e daquela, tiña ó meu coidado a 18 profesores e uns 326 rapaces de E.X.B., aínda que dende o curso 98-99, só teño nenos de Infantil e Primaria.
Foi un ano difícil para todos. Case tódolos nenos viñan dende as parroquias e, ¡pobriños!, eran "transportados" ata mín; pero,... en que condicións chegaban ás miñas portas... Así que, mellor que vos conte un pouco máis polo miúdo algunha das cousas que tivemos que padecer naqueles primeiros meses despois do meu nacemento.
A rúa pola que tiñan que chega-los meus nenos (se me permitides, eu voulles chamar "os meus pícaros"), mestres, pais,... máis que unha rúa, parecía unha corredoira, toda enlamada e chea de atrancos. ¡Xa vos podedes imaxinar o panorama! : o transporte deixaba ós nenos na Rúa Corporacións; tivemos só xornada de mañá durante un tempo porque a cisterna de propano non podía chegar ata mín para traerme a bebida que facía funciona-la miña cociña e quenta-los meus radiadores. ¡Eu morría de frío! pero non podíamos permitir que os meus pícaros morreran de fame e de frío tamén.