Skip to Content

                              

O entroido en Galiza

O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e pagáns, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego. Foi por iso que se prohibiu durante a época franquista, malia que se mantivo vivo nas aldeas.

Os entroidos máis famosos do país son, sen dúbida, os ourensáns. Laza, Verín e Xinzo convértense por uns días nas capitais de Galiza. Os peliqueiros e cigarróns centran a atención dos visitantes, pero a dúbida asalta ao preguntármonos pola súa orixe: hai quen di que veñen dos cobradores de tributos dos condes de Monterrei, que posuían unha zamarra coa que castigaban aos morosos que non pagasen a tempo. Sen embargo, tanto Vicente Risco coma Bouza Brey viron neles unha orixe moito máis antiga. Risco cría que proviña das asociacións segredas primitivas ou de ritos sagrados e Bouza supón que as súas orixes pertencen á prehistoria, coma unha evolución de vellas cerimonias tribais.



book | by Dr. Radut