Skip to Content

Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais - Citeni

Este venres o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais - Citeni encheuse de rapazada: alumnado de 3º de E. Primaria do CEIP Plurilingüe O Mosteirón de #Sada puxo o colofón final ao último #VenresTecnolóxico do curso académico. Foi o premio a súa participación no concurso "Atrévete a pescudar con elas", iniciativa da Unidade de Divulgación e Cultura Científica da Universidade da Coruña en colaboración con F E C Y T · Ciencia e Innovación ·, para celebrar o #11F: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Foron recibidos pola dirección do centro, Armando Yáñez e Fran González; e da man das investigadoras do Grupo Integrado de Ingeniería, convertéronse en enxeñeiras e enxeñeiros navais por un día. Foron quen de construír un pequeno barquiño con materiais recliclados e de poñelo a navegar no Canal de Ensaios Hidrodinámicos.

No Laboratorio de Fluídos, aprenderon que é un túnel de vento e, ademais de despeinarse un pouco pola forza do aire, puideron descubrir que prototipos se poden ensaiar nel.

Xa para rematar, no Laboratorio de Plásticos, comprobaron que é posible facer plástico sostible con biopolímeros e residuos da industria, como a lignina, e desenvolver así novos materiais, máis respetuosos co medio ambiente.

Agardamos que gozaran dunha xornada diferente de aprendizaxe que, de seguro, algunha que outra vocación científico-tecnolóxica axudará a espertar. 

https://fb.watch/sx0zw4cUEF/

 



page | by Dr. Radut