ÁFRICA ACHÉGASE ATA A CAPELA
O sábado, 18 de Xuño de 2016, tivemos a sorte de contar por primeira vez, e durante todo o día, na nosa escola, cun grupo de persoas africanas. Achegáronse uns corenta representantes da comunidade de Cabo Verde, residentes en Burela.
Foi unha actividade programada polo Proxecto Brinquedos, actividade presente na escola desde hai dez anos, que tén por obxectivo educar en valores por medio dos xogos tradicionais.
Durante o curso, o noso alumnado traballou investigando sobre a xeografía, historia, tradicións, gastronomía e o patrimonio lúdico dese país africano.
Durante esa xornada houbo unha convivencia entre profesorado, nenas, nenos e familias da Capela, así como persoas de Cabo Verde residentes en Burela.
Pola mañá realizouse un intercambio de xogos dos dous países e unha mostra de cancións e bailes das dúas comunidades. Á hora de xantar convidamos no noso comedor escolar ás persoas asistentes de Cabo Verde. Posteriormente realizouse unha visita guiada á colección de xogos e xoguetes “Brinco”, que temos na nosa escola. Finalizamos o día con outra visita dirixida, no Museo etnográfico da Capela.
Agradecemos a desinteresada participación desas mulleres, homes, nenas e nenos de Cabo Verde, así como a presenza do noso profesorado, dos nosos nenos e nenas e das familias que estiveron presentes ao longo da xornada.