tel: 886 151 371 / email: ceip.meanho.ascovas@edu.xunta.gal / 42°26'36.1"N 8°46'48.1"W
Comunidade Escolar
“A escola é o lugar onde se fan amigos, non se trata só de edificios, aulas, salas, lousas, programas, horarios, conceptos… Escola é sobre todo, xente, xente que traballa, que estuda, que se alegra, coñécese, estímase. O/A director/a é xente, o/a coordinador/a é xente, o/a profesor/a é xente, o/a alumno é xente, cada funcionario/a é xente. E a escola será cada vez mellor, na medida en que cada un se comporte como compañeiro/a, amigo/a, irmán/á. Nada de illa onde a xente estea rodeada de cercados por todos os lados. Nada de convivir as persoas e que despois descubras que non existe amizade con ninguén. Nada de ser como o bloque que forman as paredes, indiferente, frío, só. O importante na escola non é só estudar, non é só traballar, é tamén crear lazos de amizade, é crear un ambiente de camaradería, é convivir, é unirse. Agora ben, é lóxico… que nunha escola así sexa fácil estudar, traballar, crecer, facer amigos, educarse, ser feliz”. (Paulo Freire)
Para poder cumprir realmente unha función educativa e social precisamos ser unha comunidade con lazos que nos vinculen e conecten a todos os seus integrantes. Cremos que a comunidade educativa debe erixirse como un órgano activo, participativo e inmerso á súa vez no contexto social do noso concello, Meaño. Esta intercomunicación e intercambio é sempre alentadora e gratificante.
Nesta comunidade as nais, pais e titores legais son un axente esencial. A súa proximidade á escola, a súa participación e implicación no proxecto educativo. Estáblecense varias mecanismos de participación e representación:
ANPA “A Toxa”: Asociación formada por nais, pais e titores legais do alumnado da escola. Realizan funcións de representación, xestión, coordinación e promoción de actividades extraescolares. Xestionan tamén o comedor escolar.
Comisión de Familias: Espazo de participación e colaboración nas actividades e proxectos da escola. Ponse en valor as habilidades e fortalezas dos seus integrantes para o ben común e mellora da escola.
Escola de Familias: Lugar de encontro para as familias da escola. Oportunidade para o debate, o intercambio e a aprendizaxe ao redor do ámbito da educación, a infancia, a saúde das nenas e nenos, etc.