Skip to Content

Proxecto de escola

O PROXECTO DE ESCOLA.

 

 

 

Atopámonos no sétimo curso dun proceso de transformación do ideario da escola que, aínda que na práctica xestouse moito antes, estes últimos cursos supuxeron, de maneira especial, tempos e esforzos maiúsculos. Movidos por unha fonda convicción ante a posibilidade real de transformar o feito educativo e en consecuencia conseguir facer da escola un espazo integral e de aprendizaxe, investimos ilusións e traballos na súa construción curso a curso, día a día.

O artigo 29 da Convención de Dereitos da Infancia de 1948  recolle a necesidade de “Potenciar ao máximo a personalidade, aptitudes e capacidades da infancia ata o máximo das súas capacidades”, nuns términos moi similares refírese Ken Robinson cando fala do “elemento” ou Howard Gardner nas “intelixencias múltiples”. Organismos e institucións vinculadas á educación de todo o mundo, con ópticas diversas sobre o ámbito educativo coinciden na necesidade de innovar e transformar as estruturas e as liñas metodolóxicas utilizadas polo profesorado. Froito dun profundo debate, tamén dun proceso de formación importante e de acordos de claustros que resultaron vitais, o CEIP P. De Meaño-As Covas apostou e aposta por unha renovación do seu Proxecto Educativo. 

“Cambiar non é fácil, pero é posible e urxente”. Así se refería Paulo Freire hai máis de corenta anos ao respecto da situación que vivía o mundo da educación. Esta reflexión, entre outras, serviu para avaliar ao respecto dos pasos realizados na última década na nosa escola e tamén para abrir novos debates entre o claustros de mestres e mestras e Comunidade Educativa en xeral. Sempre coa intención de avanzar no desenvolvemento dun currículo eminentemente significativo e integral, de mellorar a acción educativa e garantir espazos á infancia de proveito e aproveitamento.

Dende hai 10/12 anos o claustro do profesorado do CEIP P. De Meaño-As Covas caracterizouse polo seu espírito renovador e aberto á introdución de novas dinámicas e estratexias que redundaran nun beneficio pedagóxico do alumnado. Coincidindo coa renovación do Equipo Directivo e un novo Proxecto Educativo, o centro adquiriu o compromiso coa súa Comunidade Educativa para camiñar hacia un cambio de mirarada, da escola, da infancia, das relacións familia/escola... Iniciando agora este quinto curso botamos a vista atrás e realizamos unha valoración moi positiva dos cambios realizados. Non foi doado e non estivo libre de debates, de discrepancias, mesmo de críticas, mais a convicción que nos movía no intento e a ilusión colectiva mantiveron sempre o rumbo. 

proxecto de escola 

Ao longo destes últimos anos levámonos con nós moitas vivencias, experiencias enriquecedoras e aprendizaxes, de entre todos elas destacaríamos unha idea:

Os procesos de renovación e transformación das escolas nunca deben ser inmediatos nin moito menos radicais; precisan de sosego, progresión, formación, seguridade na acción educativa e sobre todo precisan de reflexión, autocrítica e autoavaliación. Con este criterio pretendemos continuar camiñando neste tránsito constante e transformación educativa.

Cremos que as escolas son e deben ser axentes de cambio social. Deste xeito xustificamos o desenvolvemento de iniciativas innovadoras dentro do Proxecto Educativo do centro. 

Dende o CEIP P. de Meaño-As Covas somos conscientes de que a educación nos países desenvolvidos atópase inmersa nun proceso de cambio e adaptación. Este proceso de innovación é imparable e así o reflicten as constantes renovacións das lexislacións educativas internacionais. Os centros educativos debemos camiñar cara unha adaptación das novas necesidades e demandas sociais, cara unha revisión das estratexias metodolóxicas máis centradas en buscar fortalezas que debilidades do noso alumnado.

Como xa dixemos anteriormente, entendemos que os cambios que afectan ás estruturas deben ser meditados, pausados e progresivos. Por iso consideramos que o noso colexio é o que se considera en ámbitos educativos unha escola en tránsito. Camiñamos en reflexión crítica constante cara un modelo centrado en experiencias de aprendizaxe, en preguntas, proxectos, na investigación, nas estratexias do pensamento, nos contextos de aprendizaxe, ambientes educativos, na importancia da educación emocional, etc. Todo elo convencidas e convencidos da necesidade de cambiar un modelo obsoleto que non dá resposta ás necesidades educativas, competenciais e emocionais do alumnado do século XXI.

A escola é unha ferramenta de transformación social, a sociedade está en constante proceso de cambio e iso obriga ao noso centro a unha continua revisión, avaliación e adaptación. Obríganos a ser unha escola transformadora, unha escola do coñecemento, agora ben, un coñecemento orientado a comprometerse co mundo e que faculte aos nosos nenos e nenas a ter voz propia. Anhelamos e desexamos que o noso alumnado ao longo de todos os anos que pase na escola aprenda a ser, a estar, a pensar. O alumnado é invitado a actuar, construír, discutir, aportar e a artellar de xeito individual e colectivo nunha rede de coñecementos e aprendizaxes ligados á vida de forma natural e espontánea. Propoñemos seguir avanzando na construción dunha nova cultura na que se eliminen os estereotipos e os prexuízos, que sexa moito máis aberta e plural e na que se sitúen no centro do feito educativo a transmisión de hábitos e valores, e non só coñecementos curriculares. Adicarase moita máis atención á análise e transformación, comezando pola propia formación do profesorado. Para construír esta escola debemos partir do noso sentido crítico. Fronte a cada pregunta, a cada resposta, a cada estereotipo, preguntarnos se é realmente o que cremos que debe ser transmitido.

Ao valor da comunicación para a resolución de problemas e comprender o mundo que nos rodea, á importancia de construír unha escola viva, activa, flexible e aberta; cremos nunha educación adaptada ao alumno e que actúe como organismo compensador das desigualdades de diversa índole. O respecto á diferenza e a convivencia entre iguais son e serán condición sine qua non.

Sentimos a necesidade de replantexar fórmulas dadas xeracións tras xeracións nun mundo, o da educación, onde é preciso “Desaprender para volver a aprender” (Mar Romera). Asumimos a idea de utopía de Eduardo Galeano asociada a metáfora educativa, por iso ansiamos conseguir unha escola intelixente (D. Perkins) - entendendo esta como un centro onde o alumnado non só teña acceso ao coñecemento senón que utilice as estratexias do pensamento a partir do que coñece, un centro onde se avance dende o adestramento da memoria cara a educación da mente, un centro onde o alumnado poda transferir o aprendido á súa vida e contexto social, un centro onde os nenos e nenas acudan cada mañá a propoñer preguntas e non a contestar respostas-. Asumimos este ideal conscientes de que cada vez que subimos dez chanzos, na escaleira aparecen dez máis, mais o realmente importante é que continuemos ascendendo e camiñando cara unha mellora da calidade educativa.

A innovación, entendida como os procesos metodolóxicos que redundan nunha mellora do sistema educativo, debe ter entre os seus obxectivos finais contribuír a unha transferencia nas persoas e nas sociedades. Non somos nin queremos ser alleos á realidade social de Meaño, á súa idiosincrasia. Sen eles, sen a súa comprensión, sen a súa aprobación non sería posible nin factible desenvolver o novo Proxecto Educativo da escola.

Na nosa escola traballamos sen libros de texto, é dicir, o libro non é a ferramenta metodolóxica de referencia. Fundamentamos a acción educativa nas pedagoxías activas de corte construtivista e iso require e obriga a un deseño específico constante. O traballo por proxectos, o traballo cooperativo, retos, plans de traballo, contextos de aprendizaxe, asembleas de aula, as exposicións orais, os talleres de aprendizaxe, recantos, estacións de aprendizaxe...son a base da acción educativa no día a día da nosa escola, non como recurso senón como práctica habitual.

 

 

 



page | by Dr. Radut